Avelaíña en tempos de confinamento: dar máis con menos

Desde o comezo desta crise, as persoas con problemas de saúde mental das comarcas de Val Miñor, Baixo Miño, O Condado, A Paradanta e Salceda de Caselas están a recibir unha atención telefónica continua por parte dos profesionais de Avelaíña.

As excepcionais circunstancias provocadas pola pandemia do COVID-19 afectan a toda a poboación, pero inciden de forma moi especial nas persoas cunha enfermidade mental grave, ao ser un grupo máis vulnerable ás reaccións psicolóxicas que sufrimos todos. Desde que comezou o estado de alarma polo coronavirus, o seu mundo trastornouse, desencadeando situacións de medo e incerteza que lles xera angustia e moito sufrimento, agravado pola súa patoloxía.

Suspendidas as actividades presenciais nos Centros de Rehabilitación e Unidade de Apoio Comunitario, Avelaíña redobra estes días os seus esforzos ante a dificultade engadida que supón a situación excepcional da pandemia para este colectivo. Neste sentido os profesionais da Asociación están a deixarse a pel nun traballo que é primordial para adiantarse ás complicacións, aliviando así situacións de tensión, posibles crises e mesmo, ingresos hospitalarios.

Este servizo consiste nunha atención telefónica diaria, con apoio psicolóxico, seguimento na adherencia ao tratamento, recomendacións de hábitos de alimentación, así como propostas de exercicio físico, ou actividades para facer máis levadíos estes días de confinamento, tanto para usuarios como para os familiares que necesiten un acompañamento máis estreito. Ademais de contar cun teléfono de garda para todas as urxencias que poden xurdir.

“Os nosos usuarios teñen que seguir tomando a súa medicación, continuar coas súas revisións médicas e recibir o apoio emocional necesario, polo que o labor dos profesionais de Avelaíña é esencial nestes momentos”, comenta o Xerente, Rafa Álvarez.

Desde o minuto uno, esta Entidade realizou preto de mil chamadas que deron como resultado ao redor de 2.500 atencións, para resolver as incidencias que ían xurdindo debido ao novo escenario propiciado polo coronavirus. Neste sentido realizáronse numerosas coordinacións co SERGAS, Centros de saúde, servizos sociais e policía local entre outros… Como exemplo, destaca a coordinación co Concello de Tomiño, o Servizo de Psiquiatría, Policía Local e unha farmacia para que unha das súas psicólogas puidese entregar a medicación a unha usuaria, ao atoparse en Portugal, coas fronteiras pechadas. Outro caso para destacar foi a coordinación cos servizos sociais do municipio dun usuario, ao non dar sinais de vida e non responder durante varios días ao teléfono.

Todo este traballo plásmase nun minucioso rexistro, onde se anotan as chamadas e incidencias que van xurdindo. Posteriormente remítese ao SERGAS, co que a Asociación mantén un concerto do servizo de Rehabilitación psicosocial e piso protexido.

Segundo explica o Director Xerente de Avelaíña, Rafa Álvarez, “con esta atención telefónica apreciamos unha deterioración importante na maioría dos casos, moi contidos polo traballo impecable dos nosos profesionais, aos cales agradezo pola súa gran implicación nestes momentos tan complicados. Agora é cando se ve a necesidade de recursos específicos en Saúde Mental e onde se aprecia a inexistencia de centros, programas comunitarios e alternativas residenciais que fan que as persoas que sofren estas patoloxías atópense en situacións dramáticas, como as que estamos a vivir ao bordo do precipicio”.