Un mozo practica saltos acrobáticos sobre varios vehículos nun garaxe de Sabarís

A Garda Civil do Posto Principal de Baiona-Nigrán investigou penalmente ao presunto autor dos danos causados en varios coches e unha bicicleta estacionados no interior dun garaxe comunitario en Sabarís.

As investigacións iniciáronse por mor da denuncia presentada polos propietarios de dous vehículos que estaban estacionados no garaxe dunha comunidade de veciños nunha céntrica rúa da localidade de Sabarís, no municipio de Baiona. En ambos os dous casos, os dous vehículos, un Ford Fiesta e un Volkswagen-Passat, presentaban danos materiais con raias e abolladuras no capó e na parte frontal.

Coa información facilitada polos donos dos vehículos tívose noticia da existencia dun vídeo nas redes sociais no que se podía ver como un mozo, utilizando unha bicicleta infantil que había no mesmo garaxe, tentaba facer saltos acrobáticos sobre os capós dianteiros dos dous coches.

Aos danos causados nos vehículos súmanse os danos que sufriu a bicicleta que terminou practicamente inutilizada, coas dúas rodas rotas e o guiador torcido. En total, o valor estimativo dos danos dos dous coches e a bicicleta poden superar os 1.500 euros.

As pescudas concluíron coa identificación do presunto autor, que resultou ser un mozo romanés con domicilio en Ourense, de 25 anos, ao que se lle notificou a súa condición de investigado como suposto autor dun delito de danos materiais. Deberá comparecer no Xulgado de Instrución de garda de Vigo cando sexa notificado.

Anuncios