
O Concello de Nigrán facilitou ao Posto Principal da Garda Civil en Baiona tres biombos de metacrilato deseñados e confeccionados a medida polo propio edil de Seguridade, Rubén Rial, quen se desprazou persoalmente na mañá deste mércores a instalalos na oficina especializada en violencia de xénero e na de demais denuncias. Estas pantallas son unha efectiva medida de hixiene e protección ante o Covid-19 que beneficia tanto aos axentes como aos veciños de todo o Val Miñor que se teñen que desprazar ao cuartel a efectuar denuncias. “Sabemos que os diferentes corpos e forzas de seguridade e o persoal sanitario son os colectivos máis expostos ao contaxio e desde o Concello de Nigrán estamos a colaborar en todo o que supoña mellorar a súa protección”, incide o alcalde, Juan González.