Podemos e EU propoñen modificar os orzamentos de Nigrán para paliar as consecuencias da pandemia

Podemos e Esquerda Unida de Nigrán, no actual contexto do estado de alarma e da alerta sanitaria que estamos a vivir debido ao COVID-19, que trae consigo unha crise económica de dimensións e profundidades tales que se prevé un largo período de recesión na nosa contorna económica e social, propón ao goberno municipal de Nigrán unha batería de medidas para tratar de paliar esa situación na veciñanza máis desfavorecida, as PEMES e o pequeno comercio local.

Consideran que o Concello de Nigrán non pode manterse alleo a esta situación, ao ser a administración máis próxima á cidadanía e que esta situación que estamos a vivir precisa de medidas e actuacións específicas e concretas, para paliar as necesidades e carencias que xa padece a veciñanza, polo que debe axilizar a tramitación das axudas sociais e reforzar o departamento de Servizos Sociais.

Entre as medidas que propoñen está o incremento ilimitado das axudas derivadas desta situación, con cargo ao remanente de tesourería do Concello de Nigrán, que ascende a varios millóns de euros.

Entre as medidas ao pequeno comercio, poderían estar axudas para gastos fixos, como son o aluguer ou hipotecas dos locais, especialmente de aqueles negocios que teñen que estar pechados ou, medidas tributarias, como podería ser descontar a taxa de terrazas durante o tempo en que estea vixente o estado de alarma.

Así mesmo, estas axudas deberían de buscar cubrir demandas de alimentos, especialmente entre aqueles casos de familias de nenos que tiñan beca de comedor, medicacións, produtos de hixiene e outros de primeira necesidade, así como para familias que precisen de pagar alugueiros, subministracións de luz, auga e gas de ser o caso.

Tamén o Concello de Nigrán debería estudar a posibilidade de sufragar os gastos dos traslados das persoas doentes, por esta ou outras enfermidades, aos seus respectivos hospitais, debido a que polo recorte nos horarios e as medidas de seguridade vense moitas veces imposibles ou dificultados estes desprazamentos, á vez que moi custosos de pagar por algunhas persoas.

Para finalizar, dende o Círculo de Podemos e a agrupación de Esquerda Unida de Nigrán póñense á enteira disposición do grupo de goberno municipal no que estime oportuno. “Só nos queda dar de novo o noso total agradecemento a todas as persoas que estes días seguen a traballar por nós en todo momento dende as distintas áreas e colectivos do noso concello e da nosa comarca ao igual que no resto do país”, conclúen.

Anuncios