Gondomar abre novos canles de información cos mozos do municipio

Gondomar pon en marcha novos canles de comunicación cos mozos e mozas do municipio para facilitarlles o acceso á información que poida ser do seu interese. A Oficina Municipal de Xuventude, OMIX, estréase en Instagram onde a través de #omixgondomar compartirase a información sobre bolsas, estudos, probas de acceso, actividades de lecer ou formativas, entre outras moitas cousas que poidan interesar a este sector da poboación.

O uso desta rede social completarase co uso de “TOKAPP”, plataforma de comunicación gratuíta que se pode descargar no móbil ou nas tabletas, posibilitando a inscrición no grupo que máis lles interese (deporte, cultura, xuventude…) dentro da conta Concello de Gondomar. Por último, tal e como vén facendo a día de hoxe actualizarase a información na páxina www.concellodegondomar.gal na pestana da OMIX.