A exposición “Mulleres de Nigrán -1970”, dispoñible agora de maneira dixital

Grupo de mulleres nun campo de Prado en 1950. Identificadas Rosita González, Pura Giráldez, Salustiano e Fina Álvarez.

O Concello de Nigrán ofrece dixitalmente e en aberto o catálogo editado con motivo da exposición fotográfica “Mulleres de Nigrán -1970” co obxectivo de difundir esta mostra que só puido estar aberta unha semana no Auditorio Municipal e, sobre todo, para proporcionar unha interesante fonte de lecer á veciñanza. A través deste enlace as persoas poden acceder ao catálogo (recomendable en ordenador ou tablet). O enlace permanecerá tamén dispoñible a través da web municipal e en redes sociais.

Esta exposición propia e o seu correspondente catálogo, elaborado con motivo do 8-M, é froito de recompilar entre a veciñanza durante case un ano centos de imaxes antigas. Nunha escolma de 150 fotos os asistentes poden ver e recoñecer a mulleres de Nigrán labregas, costureiras, mestras, nais de familia, coidadoras, perruqueiras, mulleres festeiras, amigas cómplices… En definitiva, mulleres comúns e valerosas ás que a ONU dedica cada 8 de marzo e ás que o consistorio consagrou esta exposición que se volverá a programar unha vez pase o confinamento.

“A mostra tivo moitísimo éxito pero só puido permanecer aberta unha semana, cando pasen estas circunstancias a recuperaremos pero mentres cremos que o catálogo é unha fonte de lecer moi interesante nestes intres”, sinala o alcalde, Juan González.

Biblioteca Municipal

A maiores, o Concello de Nigrán recorda que se realizan préstamos de libros electrónicos a través da Rede Galega de Bibliotecas e que, para as persoas en soidade ou dificultade, o servizo de axuda do Concello de Nigrán creado con motivo desta crise sanitaria se ofrece a levar a domicilio exemplares da Biblioteca Municipal, revistas ou prensa. O interesado debe chamar á propia biblioteca a través da liña 986383288 entre 10:00 e 12:00 horas para realizar o seu pedido.

Anuncios