Baiona pon en marcha o dispositivo de voluntarios para axudar á poboación máis vulnerable

O Concello de Baiona poñerá desde mañá ao dispor de todos os veciños e veciñas un dispositivo de voluntarios liderado por Protección Civil para axudar á poboación máis vulnerable nestes momentos. Un total de 26 persoas inscribíronse para participar na iniciativa, entre elas profesionais tanto do ámbito dos servizos sociais como da sanidade. O alcalde, Carlos Gómez, agradeceu este martes esta predisposición dos veciños.

O obxectivo deste dispositivo é levar alimentos ás persoas que teñan algunha limitación física, de saúde ou que simplemente non poidan acudir ao supermercado para adquirir os produtos de alimentación básica. Tamén se ocuparán de facerlles chegar calquera medicamento que necesiten. Todos aqueles que precisen deste servizo deben poñerse en contacto co Departamento de Servizos Sociais chamando ao número de teléfono 986 385 926.

Os membros de Protección Civil Val Miñor foron activados o pasado 13 de marzo a través do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia. Agora mesmo hai dispoñibles 30 voluntarios, dos cales 12 comezarán este servizo. Tamén colaboran coas forzas e corpos de seguridade no control da limitación da circulación polo estado de alarma, facendo roldas por Baiona, Gondomar e Nigrán, observando se algunha conduta está tipificada como non permitida no Real Decreto, informando os cidadáns, e en caso omiso, dando aviso ás forzas e corpos de seguridade.

Tamén teñen competencias no ámbito de desinfección de lugares públicos, de apoio loxístico a medios de intervención ou visitas ás persoas maiores que viven soas para comprobar o seu estado. “Estamos totalmente dispoñibles e dispostos a colaborar en todo o que sexa necesario”, sinalou este martes Iago Álvarez, membro de Protección Civil Val Miñor.