Gondomar desenvolverá un dispositivo de desinfección en todo o termo municipal

O Concello de Gondomar desenvolverá un dispositivo de desinfección naquelas zonas de risco como consecuencia da afluencia de persoas a supermercados, farmacias, etc, zonas nas que tal e como establece o Estado de Alarma decretado polo Goberno Central, permítese o acceso aos concidadáns ao obxecto do abastecemento de produtos de primeira necesidade.

Esta medida de hixienización e desinfección estenderase a todo o termo municipal. O alcalde, Paco Ferreira, organizou un dispositivo extraordinario que se estenderá durante o estado de alarma para a desinfección de rúas, prazas, zonas aledañas a supermercados, farmacias, panaderías, centro de saúde, estación de autobuses, etc. Así mesmo a empresa concesionaria da recollida de lixo, FCC, intensificará a limpeza dos contedores a disposición de toda a poboación gondomareña e xa que logo, zonas de especial tránsito da cidadanía.

Nestes momentos sen precedentes, nos que evitar a extensión de posibles contaxios é unha loita de todos, o rexedor quere agradecer a solidariedade dos seus concidadáns que están cumprindo sen excepción, a medida de confinamento que se prorrogará quince días máis, “polo que a solidariedade de todos é a mellor das garantías para asegurar a saúde”.

Esta excepcional medida será implantada non só no centro urbano, senón tamén nas parroquias e viarios con beirarrúas situadas en Vincios, Morgadáns, Chaín, etc. Así mesmo procederase á desinfección de marquesiñas do transporte público, estación de autobuses, paradas de taxis, zonas verdes frecuentadas e utilizadas para o paseo de animais domésticos. Con iso canalizaranse todos os esforzos dos funcionarios e dos servizos externos en adoptar medidas preventivas que eviten a propagación do virus e cancelando todas aquelas obras e servizos que en momentos de máxima urxencia poidan retomarse cando o estado de alarma cese e a actividade diaria poida ir volvendo aos poucos á normalidade.

O operativo estará supervisado directamente por Paco Ferreira e polo concelleiro de Medio Ambiente, Brais Misa, así como polo concelleiro de Seguridade e Tráfico, Manuel Chamorro, que xunto con operarios da empresa de limpeza FCC, que desinteresadamente aportan dous vehículos especializados en pulverización e desinfección de espazos públicos, xunto con operarios do propio Concello de Gondomar do Departamento de Educación e do Departamento de Vías e obras, que reforzarán este dispositivo que comezará o luns, e aos cales o Alcalde quere expresar o seu agradecemento pola súa colaboración voluntaria neste dispositivo. O Concello contratou tamén dous vehículos co fin de poder incrementar o dispositivo que se repetirá coa periodicidade que aconsellen técnicos de saúde pública e medio ambiental.

Esta extraordinaria medida levarase a cabo con desinfectante inocuo para o medio ambiente, cedido pola empresa Limpiezas Cíes, e todo o persoal que colabore no dispositivo contará con todas as medidas necesarias que garantan e preserven a súa saúde.

“Reiterar novamente o agradecemento a todo o pobo de Gondomar polo seu exemplar cumprimento do confinamento. A mellor medida de evitar a súa propagación e coidar de nosa saúde e da dos nosos veciños e seres queridos é continuar cumprindo taxantemente Unidos venceremos. Quédate en casa”, conclúe Ferreira.

Anuncios