O Goberno restrinxe o acceso de viaxeiros polas fronteiras exteriores de España

Só poderán acceder nacionais e residentes en España; residentes noutros países da Unión Europea ou Estados Asociados Schengen para dirixirse aos seus lugares de residencia; titulares dun visado de longa duración expedido por un Estado membro e que se dirixan a este; traballadores transfronteirizos; profesionais sanitarios ou de coidado de maiores; persoal dedicado ao transporte de mercadorías; persoal diplomático; e persoas que viaxen por motivos familiares imperativos ou por causas de forza maior debidamente xustificadas.

Tamén se acorda o peche, con carácter temporal, dos postos terrestres habilitados para a entrada e a saída de España a través das cidades de Ceuta e Melilla.

O Goberno acordou restrinxir o acceso de viaxeiros a través das fronteiras exteriores de España, en concreto as situadas en portos e aeroportos. A partir das 24.00 horas desta noite (a medianoite entre hoxe domingo e mañá luns), só permitirase o acceso por eses puntos fronteirizos, ademais de aos españois e aos residentes en España, a:

a) Residentes na Unión Europea ou Estados Asociados Schengen, que se dirixan directamente ao seu lugar de residencia.

b) Titulares dun visado de longa duración expedido por un Estado membro ou Estado Asociado Schengen que se dirixan a este.

c) Traballadores transfronteirizos.

d) Profesionais sanitarios ou do coidado de maiores que se dirixan a exercer a súa actividade laboral.

e) Persoal dedicado ao transporte de mercadorías, no exercicio da súa actividade laboral e o persoal de voo necesario para levar a cabo as actividades de transporte aéreo comercial.

f) Persoal diplomático, consular, de organizacións internacionais, militares e membros de organizacións humanitarias, no exercicio das súas funcións.

g) Persoas viaxando por motivos familiares imperativos debidamente acreditados.

h) Persoas que acrediten documentalmente motivos de forza maior ou situación de necesidade, ou cuxa entrada se permita por motivos humanitarios.

A resolución, do mesmo xeito que o resto de medidas adoptadas ao amparo do Real Decreto do estado de Alarma, ten por obxectivo protexer a saúde e seguridade dos cidadáns e conter o coronavirus, e está en concordancia coa decisión adoptada polos membros do Consello Europeo o 17 de marzo, que acordaron aplicar unha restrición temporal de viaxes non imprescindibles desde terceiros países á Unión Europea e países asociados Schengen.

PERÍODO DE VIXENCIA

A orde, asinada polo ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, entrará en vigor ás 24.00 horas desta noite (a medianoite entre hoxe domingo e mañá luns) e terá unha vixencia inicial de 30 días, “sen prexuízo, no seu caso, das eventuais prórrogas que puidesen acordarse”.

A orde sinala que “as autoridades españolas colaborarán con transportistas e autoridades estranxeiras para que non se permita a viaxe daquelas persoas ás que, en aplicación da mesma, denegarase a entrada nas fronteiras exteriores”.

A orde especifica ademais que esta medida “non será de aplicación na fronteira terrestre con Andorra nin no posto de control de persoas co territorio de Xibraltar, sen prexuízo da posibilidade de realizar controis policiais nas súas inmediacións para verificar o cumprimento do disposto no artigo 7 do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo”, relativa á limitación de movementos.

CEUTA E MELILLA

A orde acorda tamén “o peche, con carácter temporal, dos postos terrestres habilitados para a entrada e a saída de España a través das cidades de Ceuta e Melilla”.

CONTROIS NAS FRONTEIRAS CON FRANCIA E PORTUGAL

Esta orde súmase á medida adoptada o pasado luns 16 de marzo pola que se decidiu reintroducir controis das fronteiras interiores terrestres con Portugal e Francia. Esta medida entrou en vigor ás 00.00 do martes 17 e é consecuencia da aplicación do artigo 28 do Código de Fronteiras Schengen, que permite reintroducir temporalmente os controis nas fronteiras interiores en situacións como a actual (por motivos de orde pública e saúde pública).

Neses controis fronteirizos nas fronteiras con Francia e Portugal só permítese a entrada en territorio nacional por vía terrestre a cidadáns españois; persoas residentes en España; traballadores transfronteirizos e aqueles que acrediten, documentalmente, causas de forza maior ou situación de necesidade.

A resolución ditada o luns sinalaba que esta restrición non se aplica ao transporte de mercadorías “co fin de asegurar a continuidade da actividade económica e de preservar a cadea de abastecemento”.