En coherencia coa declaración do estado de alarma decretado polo Goberno de España e mentres dure esta situación, Paradores vai manter pechados todos os seus establecementos. A decisión adoptouse en diálogo e co pleno acordo dos representantes dos traballadores.
O presidente de Paradores, Óscar López Águeda, sinala que: “Estamos ante un momento absolutamente excepcional e de extrema gravidade que nos obriga a velar pola saúde dos nosos clientes e pola de todos os traballadores da compañía”.
Paradores está a organizar xa o peche temporal de todos os seus establecementos, que non recibirán clientes a partir de mañá luns 16 de marzo. As persoas que están aloxadas neste momento serán debidamente atendidas ata que poidan regresar aos seus lugares de orixe. Os restaurantes e cafeterías de Paradores están pechados desde hoxe, domingo 15 de marzo.
Todas as reservas que ían gozarse durante o período de alarma serán anuladas sen que os clientes perdan o seu diñeiro. Analizaranse todas as situacións, caso a caso, para que ningún cliente con reserva quede sen aloxamento no caso de que non teña outra alternativa.
Os Paradores están ao dispor das autoridades para o seu uso médico ou para calquera outra necesidade derivada do estado de alerta decretado no noso país. Os excedentes de comida dos máis de cen restaurantes da hostaleira pública doaranse a organizacións sociais para axudar aos máis desfavorecidos e evitar o desperdicio alimentario.
Paradores espera que a situación se resolva canto antes para poder volver recibir clientes coa mesma ilusión e entrega de sempre.
A Dirección de Paradores traballará, en diálogo directo e permanente, co Comité de Empresa para minimizar o impacto das medidas no emprego durante este tempo excepcional. A Dirección agradece enormemente o excelente clima de diálogo social neste momento tan complicado, así como o gran compromiso de todos os empregados de Paradores.

