Chandebrito suspende a plantación do “Bosque da luz” polo coronavirus

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Un grupo de alumnos plantando os carballos.

A Asociación Galicia Ambiental e os organizadores do evento “Plantación do Bosque Festival da Luz”, Concello de Nigrán, a Comunidade de Montes de Chandebrito e a Asociación Veciñal, aprazan as actividades que estaban programadas para esta fin de semana do 14 e 15 de marzo de 2020, como medida de prevención fronte ao coronavirus COVID-19.

Nos actos previstos para esta fin de semana estaban programadas algunhas actividades como o concerto e a durmida no Pavillón da Escola de Chandebrito, que fai recomendable a súa non celebración, pois ao evento estaban inscritos voluntarios procedentes de diferentes puntos da xeografía galega, así como nacional. Deste xeito e atendendo ao principio de prevención, quedan aprazadas as actividades infantís e o concerto previstos para o sábado, así como a andaina etnográfica que ía celebrarse o domingo.

Con todo, malia que se pospoñen os actos máis lúdicos do “Bosque da Luz”, do que se dará a coñecer a nova data de celebración proximamente, vaise a realizar unha reforestación coas árbores destinadas ao evento por parte dun grupo reducido de profesionais que estará pechado ao público en xeral.

A parte máis lúdica da “Plantación do Bosque da Luz”, está previsto que se celebre nuns meses e serán convidados de novo os inscritos ao programa Voluntariado da Luz. Ademais das actividades que estaban programadas para esta fin de semana, os voluntarios poderán participar nunha xornada de desplastificación da contorna rural e mellora da contorna do Bosque da Luz que quedará consolidado xa esta fin de semana coa reforestación realizada por un equipo técnico profesional.