O Concello de Nigrán vén de investir 14.000 € na substitución de 71 luminarias da PO-552 ao seu paso por Priegue, completando así o emprego de tecnoloxía LED en toda a PO-552 no municipio. As antigas luminarias de vapor de sodio foron cambiadas por esta nova tecnoloxía con regulación pre-programada. O troco, ademais de mellorar a calidade da iluminación, permite reducir a potencia de consumo de 22,36 kWh a 8,6 kWh e multiplicar exponencialmente a súa vida útil, co conseguinte aforro económico.
Este cambio súmase aos realizados anteriormente na PO-552 na Ramallosa (contorna de Manuel Lemos, Avda. Portugal e Torrente Ballester), e Panxón, centro de Nigrán, Chandebrito… O obxectivo é mellorar a eficiencia enerxética e a calidade ambiental, xa que as luminarias de vapor de sodio ocasionan problemas ao ter excedido o fin da súa vida útil, afectando ao seu rendemento, calidade e consumo e supoñendo isto un aumento das emisións de CO2. Neste sentido, o goberno de Nigrán considera prioritarias as substitucións nos núcleos urbanos con gran afluencia de peóns e circulación viario.
“O cambio a LED supón un importante aforro enerxético e ofrece unha imaxe moderna no municipio”, indica Juan González, alcalde de Nigrán. De feito, as substitucións permiten reducir a potencia de consumo entre o 51% e o 80 %, o que ao mesmo tempo implica diminuír as costas de funcionamento das instalacións de iluminación pública e, sobre todo, permítelle ao Concello optimizar o gasto enerxético e de mantemento neste eido, xa que unha lámpada de vapor de sodio ten unha vida media útil de 12.000 horas e unha de LED entre 50.000 e 100.000 horas.

