O baionés Daniel Pazó imponse no III Trail Adventure Muíños do Folón

Daniel Pazó resultou este domingo vencedor da III edición do Trail Adventure Muíños do Folón celebrado no Rosal con cifras históricas de participación. O baionés foi un dos máis de 800 inscritos de 8 provincias diferentes e cunha representación moi alta de deportistas portugueses. A proba, convertida xa nun clásico autonómico do calendario do Trail Running, foi ademais a primeira proba da Pontevedra Trail League.

Pazó impúxose na proba Advance de 21 km, completando o percorrido en 2:03:14. Case cinco minutos despois, en 2:08:07, cruzaba a meta Luis Enrique Martínez Comesaña, e pechando o podio, César Santos Barciela, terceiro clasificado cun tempo de 2:09:33.

O Trail Adventure Muíños do Folón é, sen dúbida, a combinación perfecta de deporte, patrimonio histórico, natural e turismo, xa que permite a todas as persoas participantes combinar a práctica dunha das súas paixóns deportivas co desfrute dunha contorna e un lugar máxico e fermoso como son os muíños do Folón e do Picón. Tamén houbo unha andaina de 10 km para todos os públicos e unha proba máis curta, de 12 km.