O Concello de Nigrán pechou este domingo co “Enterro do Kiko de Parada” a programación do Entroido deste ano. O Kiko, que permanecía exposto na entrada do Auditorio Municipal, foi trasladado por un carro de bois e un amplo cortexo fúnebre ata a parroquia de Parada, onde se celebrou o velorio e a posterior queima.
Os actos comezaron coa actuación da charanga “Vaite Xa” na Praza do Concello. Tras a chegada do carro de bois e a bendición do Kiko, o cortexo fúnebre partiu cara a rúa Telleira para retomar a procesión en Parada, acompañado da comparsa “Noite Estrelada”
Xa no Torreiro de Parada e despois das actuacións do grupo D’Líder e da comparsa “Noite Estrelada”, tivo lugar o velorio. A continuación, o Kiko foi trasladado polo cortexo fúnebre para a lectura do pregón e a súa queima, con fogos artificiais incluídos, pechando a xornada coa continuación da verbena popular a cargo do grupo D’Líder.
O Concello consolida deste xeito unha celebración con gran arraigamento na parroquia e que fai cinco anos decidiuse potenciar co percorrido desde o Concello ata a rúa Telleira grazas á colaboración do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor, os promotores desta tradición.
Esta peculiar celebración naceu en Parada da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao Enterro da Sardiña, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo fama na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día unha gran festa que vai máis aló do interese local.

