O Okofen consolida o seu liderado entre os J80

O Okofen de Javier de la Gándara mantense líder da Liga de Inverno de J80 do Monte Real Club de Yates que esta tarde celebrou a súa terceira xornada en Baiona. O aspirante para revalidar o título da edición anterior logrou consolidar o seu liderado a pesar de non lograr os resultados esperados e quedar eclipsado polo Alboroto de Juan Carlos Ameneiro, que foi, sen dúbida, o mellor da xornada.

Co campión de España de J80 Javier Aguado a bordo; e Juan José Lago e Javier Lago completando equipo, o Alboroto de Ameneiro asinou dous das tres vitorias que se disputaron hoxe na baía baionesa. Non logrou superar ao Okofen na xeral, pero si subirse á segunda posición do podio provisional e acurtar distancias co líder, do que unicamente lle separan xa seis puntos.

A espera do que poida pasar nas dúas xornadas restantes, a celebrar o 21 de marzo e o 4 de abril, entre eles dous parece estar a batalla pola vitoria final da competición de monotipos, xa que a separación de puntos co resto da frota dálles unha marxe bastante cómoda para non defraudar.

O Cansino de Fernando Yáñez, que viña segundo da anterior xornada, caeu á terceira posición con 32 puntos. Vai 21 puntos por baixo do primeiro clasificado (o Okofen, con 11 puntos) e 15 por baixo do segundo (o Alboroto, con 17 puntos).

O cuarto e quinto posto da Liga de Inverno de J80 mantéñense sen cambios, co Maija de José Luis Pérez e o Namasté de Luis de Mira pelexando por un oco nos postos de honra.

O que foi o terceiro asalto da competición organizada polo Monte Real Club de Yates celebrouse cun vento do oeste duns 7 nós de media, que permitiu aos veleiros completar tres probas do tipo barlovento-sotavento, unha delas con dúas chamadas xerais antes de dar a saída definitiva.

Emoción na auga e emoción tamén á hora de elaborar as clasificacións, xa que a entrada en xogo dun descarte, que permitiu ás tripulacións eliminar da clasificación o seu peor resultado ata o momento, deixou os números moito máis axustados para as dúas etapas finais, que se celebrarán o próximo día 21 e o 4 de marzo.

Anuncios