O alcalde de Nigrán, Juan González, inaugurou onte no Auditorio Municipal co gallo do 8-M, Día Internacional da Muller, a mostra fotográfica “Mulleres de Nigrán -1970”, unha exposición propia froito de recompilar entre a veciñanza durante case un ano preto de mil imaxes antigas. Máis dun cento de persoas acudiron á inauguración coa ilusión de atopar ás mulleres da súa familia na mostra e redescubrir escenas da vida cotiá das mulleres antes do ano 1970. Así, nesta escolma de 150 fotos os asistentes poden ver ata o 31 de marzo (de 10:00 a 13:00 horas e fins de semana segundo a programación municipal neste espazo) a nigranesas labregas, costureiras, mestras, nais de familia, coidadoras, perruqueiras, mulleres festeiras, amigas cómplices… En definitiva, mulleres comúns e valerosas ás que a ONU dedica cada 8 de marzo e ás que o consistorio consagra esta exposición.
“No pasado 8-M, coincidindo coa inauguración da exposición de Ruth Matilda Anderson ‘Unha mirada de antano’, lanzamos o reto de identificar á muller de Camos que aparece nunha das súas fotos máis señeiras. A tarefa resultou imposible. Sen embargo, a historia non escrita da anciá de Ruth Matilda alentou ao Concello a organizar esta mostra que reivindica ás mulleres coma ela, mulleres correntes e silenciadas, secularmente ignoradas pese a ser artífices do desenvolvemento económico, social e cultural do municipio e, en esencia, de toda a Humanidade”, resumiu o alcalde, Juan González, ante o público, a quen se lle entregou como agasallo o correspondente catálogo feito para todas as persoas que aportaron imaxes e para ocupar desde xa un lugar destacado na Biblioteca Municipal de Nigrán.
“A veciñanza respondeu masivamente á petición do Concello buscando no arquivo familiar para rescatar fotos antigas de mulleres co obxectivo de renderlles unha homenaxe pública. Recibimos centos de tesouros que temos dixitalizados pero para esta exposición, por motivos de espazo, foi preciso realizar unha selección de 150 na que atendemos a criterios de antigüidade, calidade da imaxe recibida, valor documental da mesma…”, explica María Villar, responsable da organización da mesma xunto con Olalla Fernández no deseño gráfico e o Centro Ocupacional Juan María no enmarcado.
“Son imaxes espectaculares, que sorprenden e emocionan á maioría dos asistentes porque significan unha viaxe a nosa historia máis recente e invisible da man de mulleres fundamentais nas vidas de todos nos e, por suposto, do municipio”, engadiu o alcalde, Juan González.






