Nigrán celebra o Val Miñor Fest con 100 tipos de cervexa, concertos e xogos

As principais marcas de cervexa artesá de toda España volven protagonizar desde hoxe e ata o domingo 20 de agosto na Alameda da Ramallosa (Nigrán) o “Val Miñor Fest”, o primeiro festival deste tipo de toda a comarca e que reunirá a cifra récord de cen tipos de bebidas dunha ducia de marcas de toda España e con especial atención ás galegas. Como xa é habitual, dispoñerá de zona de xogos populares, concertos a diario, obradoiros, sesións beer-mú e food-trucks. O evento, organizado por La ruta del lúpulo coa colaboración do Concello de Nigrán e a cervexeira local Banda/Trisk-Ale, foi presentado onte na fábrica da marca local en Porto do Molle.

“Este festival encaixou especialmente ben en Nigrán porque, aínda sendo de cervexa artesá, está pensado para que o poida gozar un público moi familiar, e ademais o municipio é xa un referente neste eido grazas a Banda/Trisk-Ale, que ademais fabrican a cervexa ‘Nigrán, Equilibrio Natural’ e patrocinan moitos dos nosos eventos de verán”, destaca o alcalde, Juan González. Así, todas as noitiñas haberá concertos de grupos de música comezando hoxe con Pacheco Bros e continuando nos sucesivos días con The Liar Papers, Fanatic Four, Algo pasa con Mery, Therre Roosters e Castro y los Escoltas. Ademais, para maridar coa cervexa estarán presentes nove foodtrucks con diferentes propostas culinarias. A maiores, todos os días estarán dispostos os xogos tradicionais e o venres, sábado e domingo realizaranse a última hora da tarde diferentes obradoiros para nenos.

“Este ano contamos con 100 tipos de cervexa diferentes”, explica Esteban Loureiro, promotor e quen incide en que o obxectivo “é promover o consumo e o coñecemento deste produto artesán”. As firmas de cervexa artesá que estarán presentes son Banda (Nigrán), Nos (Vigo), Bubela (Lugo), The One (Sanxenxo), Bacterio (Madrid), Go (Madrid), Atlántica (Redondela), Sevebrau (Extremadura), Madroa (Vigo), Cosa Nostra (Valencia), La Virgen (Madrid) e Irmaos de Lei (Vigo).“Todas as marcas terán prezos máis baratos que o habitual e haberá para todos os gustos: cervexa loura tradicional, suaves ou de máis gradación…”, explican. Como é habitual, degustaranse nun vaso de vidro especial conmemorativo desta sétima edición.