Todos os partidos da oposición de Gondomar apoian a solicitude de Pleno Extraordinario do PP

O Partido Popular de Gondomar presentou por rexistro unha solicitude de Pleno Extraordinario do Concello de Gondomar para debater varios asuntos importantes para os veciños. Todos os partidos da oposición apoiaron coa súa sinatura a iniciativa do PP gondomareño para esixir do goberno municipal as explicacións pertinentes polas súas accións de goberno.

Os motivos que propiciaron esta solicitude de pleno extraordinario veñen dados pola negativa do alcalde a contestar as preguntas feitas nos plenos pola oposición, que nalgún dos casos levan mais de tres meses pendentes. A isto súmanse os atrancos cada vez maiores que o alcalde pon aos membros da oposición na súa labor de fiscalización do goberno municipal.

O primeiro dos argumentos susténtase na necesidade de solicitar do alcalde as explicacións pertinentes ao feito de ser ordenado por Ferreira o pago de varias obras antes de estar rematadas. Outro dos puntos é a explicación dos motivos polos que non se pecharon algúns expedientes de sanción por incumprimento de contrato, e outras nin se chegaron a abrir. Tamén solicitan explicación por dúas obras executadas sen a existencia de proxectos nin os preceptivos informes sectoriais.

No pleno tamén se abordarán a delimitación de núcleos rurais, dos que varios veciños están pendentes tras a apertura de varios expedientes de infracción urbanística pola APLU e que quedarían en situación de legalizables unha vez que se aproben as devanditas delimitacións de núcleo. “Varios veciños comezaron a recibir cartas da APLU con ordes de demolición que quedarían resoltas unha vez que se aproben as delimitacións de núcleos e o goberno municipal ten pendentes de contestar requirimentos da Xunta dende mediados do ano pasado”, explica Paula Bouzós, voceira do PP gondomareño.

Agora o alcalde ten quince días para celebrar o pleno e caso de non convocalo nesa data sería o secretario municipal quen o convocase para dez días despois de rematado o devandito prazo. “Confiamos que o Sr. Ferreira convoque canto antes este pleno para que dea as explicacións que considere oportunas e nos despexe as dúbidas que temos sobre os asuntos a tratar”, remataba dicindo Paula Bouzós.