Quantum Racing leva a vitoria da ABANCA 52 SUPER SERIES • Baiona Sailing Week

Tras cinco xornadas de probas e unha de adestramentos, este sábado finalizou nas Rías Baixas a ABANCA 52 SUPER SERIES • BAIONA SAILING WEEK, o gran evento náutico do ano en Galicia que o Monte Real Club de Yates organizou co patrocinio de ABANCA e Turismo de Galicia a través do Xacobeo.

Os TP52 despedíronse de Galicia con oito parciais de dez posibles nas marcadoras dos nove equipos que puideron navegar cada día e estrear a tempada probando os seus barcos nun amplo rango de ventos: desde brisas suaves de 8-9 nós, a intensidades ben por encima dos 20 nós.

A combinación dun magnífico campo de regatas situado fronte ás maxestosas illas Cíes, cunha meteoroloxía extraordinaria e a calorosa acollida do Monte Real Club de Yates de Baiona, sede do evento, convenceu ás 52 SUPER SERIES na súa histórica primeira visita ás Rías Baixas.

Na última xornada disputada este sábado, os nove equipos en liza saíron á auga cun programa de dúas probas en axenda e unha previsión de boas condicións no campo de regatas.

Un centenar de barcos de espectadores achegáronse a gozar da coreografía dos TP52 tripulados por unha selección dos mellores regatistas do mundo, unha imaxe histórica para a vela en Galicia.

Tras catro días de ventos de compoñente norte, a frota despediuse das Rías Baixas con brisa do suroeste e intensidades que variaron entre os 17 nós da primeira saída do día e os nove da segunda, que tivo que ser cancelada por un radical role de vento.

Tres equipos saíron á auga con opcións matemáticas de aspirar ao título, con Quantum Racing como máis sólido candidato mercé a unha vantaxe de catro puntos sobre Platoon e sete sobre Phoenix.

A oitava proba da semana (ao cabo, a última) presentou excelentes condicións para a competición a vela. O británico Gladiator, o turco Provezza e o tailandés Vayu cruzaron a liña antes de tempo e tiveron que volver tomar a saída, reducindo o tráfico para os seus seis rivais nos primeiros compases da proba.

Unha vez máis, os tácticos víronse obrigados a recorrer a toda a súa maxia para ler un campo repleto de matices e sen roteiro claro. Tras un intenso intercambio de posicións, o Alegre do armador e temoneiro Andy Soriano rodeou na cabeza a primeira boia do percorrido, liderando o resto da proba ata anotar a súa primeira vitoria parcial da tempada.

Tras sufrir durante boa parte do percorrido, Quantum Racing conseguiu unha meritoria segunda praza que lle serviu para estender a súa vantaxe á fronte da provisional mercé ao terceiro do Phoenix e ao quinto de Platoon, os únicos que podían facer perigar a súa vitoria galega.

Quantum Racing afrontaba a final cunha renda de sete puntos á fronte da provisional, unha vantaxe cómoda pero non suficiente nunha frota tan competitiva, e un fóra de liña puxo as cousas moi emocionantes.

Con Phoenix á fronte da carga e Quantum Racing pechando o pelotón, por momentos o título de Baiona pareceu decantarse para o equipo surafricano, pero un radical role do vento en metade do percorrido obrigou á oficial principal de regata, María Torrijo, a cancelar a proba e enviar á frota de regreso aos pantaláns do Monte Real Club de Yates de Baiona.

Quantum Racing proclamouse oficialmente primeiro campión das 52 SUPER SERIES en Galicia. O equipo liderado polo armador e temoneiro Doug DeVos, o táctico Terry Hutchinson (patrón do equipo American Magic da America’s Cup) e o estratego Luca Calabrese (bronce de 470 en Londres 2012) asinou en Baiona o seu primeiro título desde xuño de 2019.

Trátase dun importante primeiro paso para o equipo estadounidense no seu obxectivo de conseguir a súa quinta coroa de campións do circuíto, despois dos conseguidos en 2013, 2014, 2016 e 2018. En Baiona puideron comprobar que os seus rivais non llo poñerán fácil.

O próximo evento das 52 SUPER SERIES 2022 celebrarase na localidade portuguesa de Cascais. Mentres, no Monte Real Club de Yates continuarán co seu programa deportivo habitual, que inclúe a celebración do Campionato Galego de A Dous, o próximo 11 de xuño; a Ruta Rías Baixas, do 4 ao 9 de xullo; e o Trofeo Conde de Gondomar, do 22 ao 25 de xullo. En setembro chegarán as outras dúas grandes citas do club neste 2022, o Trofeo Príncipe de Asturias, do 2 ao 4 de setembro, coa habitual entrega dos Premios Nacionais de Vela; e o Campionato de España de J80, do 15 ao 18 de setembro.