O PP de Baiona reprochará no pleno ao Alcalde, Carlos Gómez, que desde o pasado mes de novembro (pasaron 4 meses) aínda non destinase a fins sociais o diñeiro co que o Concello pretendía comprar unha tablet para cada concelleiro da corporación e que os edís do grupo municipal popular rexeitaron por “innecesarias” co obxectivo de destinar esta partida, recollida nos orzamentos de 2019, a emerxencia social ou á área de Benestar Social. Unha cuestión á que tamén se sumou o BNG, que forma parte do goberno tripartito.
Os populares preguntaron ao rexedor en varias ocasións sobre esta cuestión, a última no pleno do pasado mes de febreiro, e a resposta foi que “as prioridades dos gastos as marca o goberno” e que este “aínda non tomou ningunha decisión”. Os concelleiros do PP baionés consideran unha “desvergoña” que o trigoberno progresista que tanto presume de axudar a quen menos teñen aínda non atopase un oco na súa axenda para entregar este diñeiro ás entidades que traballan con familias necesitadas de Baiona”.
En Nadal tamén negaron a axuda á ONG
O certo é que ao PP de Baiona esta actitude do rexedor non lle sorprende. Xa no pasado Nadal negou a subvención de 3000 euros que durante décadas destinaba o Concello á ONG Ayuda al Mundo Necesitado, que dá de comer a máis de sesenta familias de toda a comarca, para colaborar na compra de alimentos de primeira necesidade para as familias de Baiona con baixos recursos económicos nunhas datas tan destacadas. “Son conscientes de que o número de familias que non teñen nin para encher a neveira incrementouse notablemente nos últimos anos e do labor que desenvolve durante todo o ano esta asociación e con todo este tripartito tan progresista négalle un diñeiro indispensable e, non só iso, non cumpre coa nosa petición reiterada de destinar o diñeiro das tablets rexeitadas”, critican. “Que non busquen escusas, este goberno de tres non está á altura dos cidadáns de Baiona nin sequera cando máis se lle necesita”, conclúen.

