Anuncios
Ticker de novas

Nigrán ofrece seis cursos gratuítos para a mocidade nos meses de agosto e setembro

O Concello de Nigrán ofrece durante os meses de agosto e setembro un amplo e variado programa de formación para a mocidade que consta de seis cursos en total. Organizado a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), están dirixidos a mozos de entre 16 e 35 anos empadroados en Nigrán e constan dunha duración de entre 18 e 25 horas. Todos son de balde para o participante e só se poderá cursar un deles (salvo que existan prazas vacantes) co obxectivo de beneficiar a maior poboación posible.

“Programamos estes cursos no verán porque este é precisamente o momento en que moitos mozos dispoñen de tempo libre para facelos e, ao mesmo tempo, seleccionamos cursos cunha clara orientación laboral, como os de acompañante de transporte escolar e comedor, con outros que responden aos gustos das novas xeracións e que tamén teñen aplicacións prácticas no eido laboral”, reflexiona o alcalde, Juan González.

Este mesmo mércores 2 de agosto abre o prazo ata o día 18 de agosto para inscribirse nos dous primeiros cursos, o de Graffiti e o de Fotografía con Smartphone. O primeiro terá lugar do 22 ao 28 de agosto e o segundo do 29 ao 4 de setembro. Posteriormente desenvolverase o de Manexo de Drons, Acompañante de Comedor Escolar, Acompañante de Transporte Escolar e Guía de Patrimonio Cultural (o Concello irá informando a medida que abra o período de inscrición).

As persoas interesadas nestes dous primeiros cursos deben presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello en horario de 9.00 a 13.00 horas xunto unha fotocopia do DNI. Para máis información poden dirixirse á Oficina de Información Cidadá (986365000) ou no correo electrónico omixnigran@nigran.org.

Anuncios