O alcalde de Nigrán, Juan González, xunto con todo o grupo socialista, votou en contra da moción presentada polo PP para que o Goberno Central pague a débeda de 370 millóns á Xunta, dos cales aproximadamente 2,4 corresponderíanlle a Nigrán. O Partido Popular de Nigrán presentou no pleno celebrado o luns pasado unha moción para apoiar a reclamación da Xunta de Galicia do diñeiro que lle debe o Goberno Central, e outra moción para reclamar á Deputación de Pontevedra pola decisión de excluír aos concellos do proxecto PONTEGAL, que subvenciona as actuacións culturais que organizan os gobernos locais, que supón un recorte importante en dita partida.
O grupo de goberno do PSdeG votou en contra en ambas as dúas mocións, deixando claro para os populares a súa orde de prioridades, “primeiro o partido, despois os veciños”. O seu argumento foi que, o pleno do Concello non era o sitio adecuado para este tipo de propostas que están fóra das competencias do mesmo, con todo, en plenos anteriores, tanto cando estaban na oposición, como no goberno, si se aprobaron diversas iniciativas de apoio a múltiples causas, todas elas fóra das competencias do pleno, polo que este argumento cae polo seu propio peso segundo o PP.
“O que votaron foi o que lles indicou o seu partido, no canto de poñer por diante os intereses de Galicia, e por tanto de Nigrán. Ese diñeiro, que no caso do IVE foi recadado en Galicia, e que de acordo coa lei de financiamento das Autonomías de España, correspóndelle o 50%, ou sexa 200 millóns, os restantes 170 millóns correspóndenlle a Galicia como incentivo por cumprir os obxectivos de déficit, de acordo co pactado polo Goberno Central con todas as Autonomías”, lembran os populares.
Por tanto, para o PP é unha reclamación razoable e xusta, “que o Goberno Central debería atender, pero prefire darlle todo ese diñeiro aos que lle piden a independencia de Cataluña, un sinsentido e un acto de menosprezo ao resto de comunidades”. En canto ao PONTEGAL, desde o PP advirten que excluír aos Concellos repercutirá negativamente en centos de asociacións culturais que tiñan nestas subvencións unha achega importante para a súa subsistencia, “un recorte sen paliativos e sen dúbida outro sinsentido máis do PSdeG, onde deixa, novamente patente, que primeiro está o partido e despois as asociacións”.

