O Nacional de Trial de Baiona será un dos máis numerosos dos últimos tempos en España

Éxito de convocatoria para a Peña Moteros Val Miñor, organizadores do Campionato de España de Trial que se disputará os días 13, 14 e 15 de marzo en Baiona.

As solicitudes para poder participar na cita nacional non paran de crecer e, tras o último reconto, chégase aos 150 pilotos, tendo que incorporar novas categorías, entre elas a de Eléctricos, ata o de agora nunca vista en Galicia.

Con esta premisa, sen ningunha dúbida, a cita de Baiona será unha das máis brillantes dos últimos tempos, por ser os pilotos españois os mellores do mundo nesta especialidade. Non en balde, o vigués Jorge Casales (Gas Gas) e o rosaleiro Gabriel Marcelli (Montesa) chegan como favoritos, o primeiro como líder do campionato disputado en D’Aitona (Lleida) en TR1 e o segundo como flamante campión do Mundo en TR2 e agora na gran División, como cuarto clasificado.

O duelo dos galegos con Adam Raga (TRRS), Jeroni Fajardo (Sherco) ou Jaime Busto (Vértigo) será épico, ao non ter o hándicap de Toni Bou (Repsol Honda Team) que non está participando no Nacional por estar en fase de recuperación dunha lesión.

A de Baiona será a segunda proba do calendario da Real Federación de Motociclismo Española, das 8 programadas para este 2020.

Finalmente, e tras pechar o cartel da competición, as principais categorías en liza serán TR1, TR2, TR3 (tanto Masculino como Feminino), TR4, Júnior, Cadete 125, Cadete, Veterano, Xuvenís A e B e Eléctricos.

“Estamos ante un dos eventos do Trial máis importantes nos últimos tempos en España”, comenta José Durán, presidente da Peña Moteros Val Miñor. “Incrementamos as horas de traballo na organización para poder dar cabida a todos aos que ata Baiona queren vir participar”, termina dicindo.

Son patrocinadores do Campionato de España de Trial o Excmo. Concello de Baiona, Deporte Galego da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Gadis, Monte Real Club de Yates de Bayona, Frutas Vilar, Agua Sana, Panadería La Pintora, Sport Pasión, Talentos Objetivos, Área de Servizo Monte Real, Villa Rosa Baiona, Adegas Valmiñor, Motowash, Allianz, Moto de Campo Sostenible, HJM, Leonelli e as Federacións Real Española e Galega de Motociclismo.