Nigrán recorda a obrigatoriedade de manter os terreos forestais limpos para previr incendios

O Concello de Nigrán vén de publicar un Bando para a prevención de incendios no que recorda aos propietarios de terreos forestais a obrigatoriedade de manter estes espazos libres de maleza e lixo antes do remate do mes de maio. De acordo coa lexislación aplicable (Lei 3/2007 do 9 de abril) os titulares deben xestionar a biomasa vexetal e limpar as fincas nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, núcleo rural ou urbanizable; arredor das edificacións, vivendas illadas, depósitos de lixo ou parques situados a menos de 400 metros do monte; e arredor das edificacións illadas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte. Nos mesmos casos e na mesma franxa de 50 metros tampouco poderá haber especies como piñeiros, mimosas, eucaliptos, xestas, silvas, toxos, acacias ou fentos, entre outras.

O Concello de Nigrán agradece a colaboración da veciñanza para acadarmos entre todos un monte coidado e limpo, preservando o grande patrimonio natural do municipio e ao mesmo tempo garantindo a seguridade. Como cidadáns, debemos prestar atención a aquelas accións que poden acabar co noso medio natural e poñer en xaque a integridade dos veciños da zona, tal e como quedou demostrado na terrible vaga de lumes do 15 de outubro. Por todo elo, o Concello de Nigrán advirte que de non cumprirse esta norma pódese abrir un expediente sancionador que leva aparellado importantes sancións económicas.

Anuncios