Xornada en branco no Campionato Galego de Optimist

Os 121 regatistas de Optimist que este sábado ían disputar a xornada inaugural do Campionato Galego de Optimist – Trofeo Baitra tiveron que regresar a terra sen poder inaugurar o marcador da competición. Unhas moi complicadas condicións meteorolóxicas para a navegación, cun vento moi escaso, e mesmo nulo por momentos, deixaron en branco a primeira etapa do campionato, que se celebra ata o vindeiro luns en Baiona baixo a organización do Monte Real Club de Yates e co patrocinio de Baitra Accesorios Navales.

O comité de regata, con Jano Martín á cabeza, mantivo ata o final as esperanzas de poder completar, polo menos, unha das tres probas previstas inicialmente, pero todos os esforzos resultaron infrutuosos. Tentaron dar varias saídas. Unha acabou en chamada xeral, outra tivo que aprazarse a metade de procedemento para reposicionar o campo e unha terceira, a última xa, anulouse a metade da primeira cinguida.

Así as cousas, os 121 regatistas do Club Grupo Bazán, o Club Marítimo de Canido, o Club Marítimo Oza O Puntal, o Club Náutico Deportivo de Riveira, o Real Club Náutico da Coruña, o Real Club Náutico de Sanxenxo, o Real Club Náutico de Vigo, o Real Club Náutico de Rodeira e o Monte Real Club de Yates, deberán esperar ao domingo para empezar a configurar a clasificación do campionato.

Será, iso si, se a meteoroloxía pórtase, xa que as previsións anuncian tamén unha xornada complicada, moi semellante á do sábado, cun vento que raramente superará os 6 nós. A intención é dar comezo ás probas ás 11 da mañá e tratar de completar, polo menos, as tres regatas necesarias para que o campionato sexa válido. Unha vez cruzado o ecuador da xornada dominical, á competición unicamente quedaralle a etapa final do luns, na que tamén se celebrará a entrega de premios aos gañadores.