15 comparsas desfilarán este domingo polas rúas de Gondomar

Este domingo día 23 de febreiro a partir das 16:00 horas Gondomar encherase de cor, música e alegría co Desfile-Concurso de Comparsas de Entroido. As 15 comparsas rexistradas chegadas de Vigo, Nigrán, Baiona, Tomiño e Gondomar percorrerán as rúas principais da vila condal. O desfile comezará na rúa Ameixeira, para logo baixar por Eduardo Iglesias, pasando pola Praza da Paradela ata a rotonda do CDL.

O primeiro clasificado recibirá 900 euros, o segundo 700 euros e, o terceiro premio será de 500 euros, premiándose ademais con 300 euros a mellor carroza do desfile. Tamén están contempladas 6 axudas de 350 euros para as seguintes clasificadas (de 4ª a 9ª posición) e de 250 euros para as participantes que se atope entre o décimo e o décimo quinto posto.

O vestiario e maquillaxe elixidos, así como a escenografía e deseño de carrozas serán algúns dos elementos que o xurado -presidido polo alcalde, Paco Ferreira, e composto para a ocasión por representantes do mundo social, artístico e cultural- terá en conta á hora de puntuar as comparsas participantes, valorándose tamén criterios como que a música sexa en directo ou con acompañamento de instrumentos musicais ou rítmicos.

Os gañadores daranse a coñecer durante a celebración da Verbena de Entroido, que se celebrará o martes, día 25 de febreiro, desde as 21:00 horas na Praza da Paradela, con Claxxon.

Anuncios