O Vigo-Rías Baixas reúne por primeira vez aos seus cinco ex profesionais en Almagro

O Vigo-Rías Baixas desprega a súa artillería máis potente no último test previo ao comezo da Copa de España. A estrutura presidida por José Luis Chamorro disputará esta fin de semana en Almagro (Ciudad Real) o Memorial Manuel Sanroma, unha cita na que por primeira vez aliñará aos cinco ex profesionais fichados durante os últimos meses.

O uruguaio Mauricio Moreira e o venezolano Edwin Torres brillaron hai dúas semanas na Volta ao Guadalentín, a proba inaugural da tempada, mentres que o vasco Víctor Etxeberría, o asturiano Dani Viejo e o abulense Noel Martín estrearanse en terras manchegas ás ordes de Marcos Serrano. O “sete” confeccionado polo director deportivo do conxunto flúor complétano os sub-23 galegos Íñigo Rodríguez e Guillermo Mallo.

No arranque do calendario o Vigo-Rías Baixas está a acumular presenzas no podio. Moreira asinou un triplete de segundos postos na Volta ao Guadalentín e Joan Nicolau impúxose o pasado domingo no trofeo mallorquino de Cala Millor. Estes resultados reforzaron a moral do equipo vigués para o seu primeiro gran obxectivo desta campaña: a Copa de España que se poñerá en marcha o 1 de marzo coa celebración do Circuíto do Guadiana.

O percorrido do Memorial Manuel Sanroma Valencia resulta ideal para rodadores. A XXI edición da challenge que homenaxea ao falecido esprínter ciudadrealeño non presenta novidades respecto a o seu trazado habitual. Os 105 quilómetros do sábado pola tarde afán resolverse nunha chegada masiva e os 145 do domingo pola mañá teñen o porto de segunda categoría de Huertezuelas, a metade de etapa, como única ascensión puntuable.

As dúas xornadas empezan e conclúen en Almagro, unha localidade que trae bos recordos ao Vigo-Rías Baixas. Alí impúxose hai dous anos na xeral final do Memorial Manuel Sanroma por medio de Francesc Zurita, ciclista xa retirado.

Anuncios