Nigrán reunirá a unha ducia de comparsas con preto dun milleiro de participantes

O Concello de Nigrán celebra este sábado 22 de febreiro dende as 19:30 horas o seu tradicional concurso de comparsas cun total de 12 agrupacións inscritas, de Nigrán (3), Gondomar (4), Vigo (3), Tomiño (1) e Baiona (1). En total, suman 821 participantes de todas as idades, desde a máis pequena de 29 persoas ata dúas de 120. Así, a partir das 19:00 abrirá o desfile a batucada de “Bate no cobre” para as 19:30 horas iniciarse o desfile desde a rúa Rosalía de Castro no cruce con rúa Telleira ata a estrada do Ceán, realizando cada agrupación unha actuación á altura da Casa Consistorial, onde o xurado as avaliará e o Rei Midas as presentará. Tras o desfile e resolución dos premiados a festa seguirá na Praza do Concello, onde haberá unha actuación a cargo do trío musical X’tra. Debido á celebración deste acto prohibirase o estacionamento en todo o tramo da PO-552 entre a Avda. Val Miñor e Rosalía de Castro dende as 18:00 do sábado e posteriormente (19:00 horas) tamén se pechará á circulación ata o remate do desfile.

O desfile do Entroido escolar terá lugar o día anterior (venres 21) no centro urbano ás 12:00 horas coa participación do CEIP Humberto Juanes, A Galiña Azul e CEE Juan María e ás 10:30 horas nas rúas de Panxón coa E.I. As Dunas e CPI Arquitecto Palacios. A programación de Entroido continúa o martes 25 coa festa dos centros de día e residencias no Auditorio Municipal pola mañá e a xa tradicional excursión de maiores a Cuntis para festexar a “Festa do Lacón” o día 1 (inscrición previa desde mañá mércores 19 a venres 21).

O Entroido conclúe o domingo 8 de marzo co tradicional enterro do kiko de Parada, finalmente o Concello o pospuxo a este día para non coincidir con outros actos da comarca previstos para o día 7 (como inicialmente estaba programado). A comitiva partirá dende a Casa do Concello ás 18:00 horas tirado por un carro de bois para ser velado desde as 19:00 horas no Torreiro de Parada, actos que rematarán coa súa queima e o concerto final do grupo D’Líder.