Estudantes do Primeiro de Marzo participan no programa Correspondentes Xuvenís

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, agradeceu a actividade que levan a cabo os 17 estudantes do ciclo formativo de grao superior de Animación sociocultural e turística do Instituto 1º de Marzo de Baiona que participan no programa de Correspondentes Xuvenís, e cos cales reuniuse na tarde deste luns. Cristina Pichel remarcou que estas mozas e mozos encárganse de informar aos seus compañeiros de aula, amizades e coñecidos sobre convocatorias, recursos e programas xuvenís que poidan ser do seu interese.

Este curso escolar hai 953 estudantes de secundaria, bacharelato e formación profesional de 71 centros de toda Galicia que actúan como correspondentes. A súa colaboración facilita que as medidas e accións de interese cheguen ao alumnado galego.

A directora xeral de Xuventude explicou que esta iniciativa permite potenciar as habilidades comunicativas e sociais das mozas e mozos participantes, favorece a asunción temperá de responsabilidades e transmite valores como a solidariedade, a participación entre iguais e o liderado.

Ademais, estes correspondentes reciben gratuitamente o carné xove, o carné internacional e o carné de alberguista durante o ano escolar no que participan no programa. Tamén se lles recoñece o tempo dedicado ás actividades como persoas voluntarias mediante un certificado de educación non formal expedido pola Administración autonómica.

Anuncios