Podemos Nigrán mostra o seu descontento pola talla masiva en Monteferro

Desde o Círculo Podemos Nigrán manifestan o seu descontento fronte á talla masiva realizada en Monteferro, a cal afecta a unha superficie de grande envergadura, entre 30.000 e 50.000m². Esta actuación supón un enorme impacto medioambiental, ademais da erosión causada no terreo a causa da maquinaria.

O ano pasado saíron ás rúas milleiros de mozos ao berro de “non existe un planeta B” e chamando a atención con cuestións tan sinxelas como que temos que coidar o medio ambiente. Todo isto comeza cunha educación e concienciación que crían que ía comezar a ter lugar no municipio tras a aprobación da moción de Emerxencia Climática no Concello de Nigrán o pasado 30 de setembro (acta n° 10/2019 do 30 de setembro).

O círculo lamenta profundamente que soamente se aproben propostas cunha función de publicidade do Goberno Municipal e non como un tema serio de axenda e acción, pois entre os compromisos de dita moción se atopan apoiar a xestión dos montes comunais enfocada á recuperación da terra fértil e o freo da erosión e determinar apoios e beneficios fiscais para a repoboación.

Debido a isto, consideran que con estes feitos acontecidos, non se cumpre o acordado e se promoven prácticas que efectúan o contrario.

Anuncios