Os empadroados en Baiona pagarán 32 € mensuais por aparcar no Aral

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Aparcadoiro do Aral.

O pleno de Baiona aprobou este xoves a ordenanza reguladora do aparcamento do Aral. O documento, que contou cos votos a favor do goberno tripartito do PSOE, Nós e BNG e a abstención de PP e Cidadáns, terá que ser agora exposto ao público durante un mes para a presentación de alegacións. Considerarase definitivamente aprobada se durante este período non se presentan reclamacións, podendo entrar en vigor a finais do mes de marzo.

A nova tarifa de rotación será de 0,0169 euros por minuto e de 11,29 euros por día. No caso dos abonados anuais 24 horas pasarán a pagar 40 euros ao mes (na actualidade son 52 euros) para coches e 20 euros ao mes para motos. Os diúrnos (de 7:00 a 22:00 horas) deberán abonar 28 euros ao mes. A concesión dunha praza por un período de 50 anos terá un canon de 7.336,50 euros e unha cota mensual de mantemento de 12 euros.

O abono por mensualidades en calquera período do ano será de 60 euros. O abono por contratos de traballo en tempada estival terá un custo de 50 euros se é de 24 horas e de 40 se só é diúrno (de 7:00 a 22:00 horas). Para a tempada estival a tarifa mensual será de 94 euros, a quincenal de 69 euros e a semanal de 36 euros. A emisión da tarxeta de abonado terá un custo de 5 euros.

A nova ordenanza contempla ademais unha serie de exencións e bonificacións. Desde a súa entrada en vigor e ata o 31 de decembro de 2020, os usuarios en réxime de rotación non pagarán a primeira hora de aparcamento, excepto os meses de xullo e agosto. Os abonados empadroados no Concello de Baiona e que paguen o imposto de vehículos de tracción mecánica no municipio, gozarán dunha bonificación do 20% nas tarifas, quedando a cota mensual en 32 euros para os usuarios 24 horas e 22,40 para os diúrnos.

A partir do 1 de xaneiro de 2021, a primeira hora gratuíta será soamente para os usuarios empadroados no Concello de Baiona e que paguen o imposto de vehículos de tracción mecánica no municipio, que ademais gozarán dunha bonificación do 20% nos seguintes minutos á primeira hora. Para os usuarios en réxime de abono, manterase o 20% de desconto nas tarifas.