O BNG insta á Xunta a garantir que se cociñe no Humberto Juanes

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Fotografía de familia con pais e algúns dos alumnos portando unha pancarta reivindicativa.

O BNG rexistrou recentemente varias iniciativas no Parlamento Galego, a través do seu deputado Luís Bará, relativas ao servizo de comedor escolar nos colexios de Nigrán. Neste sentido, o parlamentario presentou senllas preguntas e proposicións non de lei, nas que demanda á Xunta que estableza os mecanismos necesarios para garantir que a cociña que está prevista instalar no CEIP Humberto Juanes sexa usada para a prestación do servizo de comedor e cátering aos centros educativos de Nigrán.

De igual maneira, o BNG de Nigrán esixe que o goberno local proceda xa á licitación da obra de acondicionamento da cociña do centro, sen esperar un hipotético compromiso expreso da Xunta para a súa utilización unha vez habilitada, pois teñen a convicción de que isto está a ser utilizado como escusa polo alcalde de Nigrán para eludir as súas responsabilidades.

“É esta, a da confrontación coa Xunta de Galiza, unha estratexia repetida unha e outra vez polo Goberno Municipal para xustificar a súa inacción en múltiples asuntos, como tamén acabamos de comprobar no acondicionamento da rúa Otero Pedrayo. No BNG non temos ningunha dúbida de que, unha vez que a cociña estea dispoñible, ao adxudicatario non lle quedará outra opción que utilizala, pois estamos certos de que o contrario non sería admitido pola comunidade educativa de Nigrán, coas súas ANPAS á cabeza”, sinala Xavier Rodríguez, Responsable Local do BNG.

“Temos que recordar que o vixente contrato de cátering está por este curso e o seguinte, e tendo en conta os tempos da tramitación administrativa, dificilmente poderá estar habilitada a cociña para o inicio do próximo curso escolar, toda vez que o único que existe por parte do concello é a aprobación do proxecto pero sen iniciarse ningunha licitación. Polo tanto do que se trata é de que ao remate da actual adxudicación, e cunhas instalacións dispoñibles para ese momento, se garanta o seu uso para o curso 2021-22, ben sexa porque así se estableza nun novo prego, que sería o desexable, ou, en defecto do mesmo, pola esixencia e presión da sociedade nigranesa que non consentiría a súa non utilización”, conclúe o nacionalista.