O alcalde de Baiona inaugura Radio Ladeira, a radio escolar do CEP de Sabarís

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, acompañado polo concelleiro de Educación, Óscar Carreño, inaugurou este venres Radio Ladeira, a radio escolar do CEP de Sabarís. Os alumnos de primaria puxeron hoxe en funcionamento esta iniciativa, cualificada de moi positiva, emprendedora e necesaria polo rexedor. “Os meus parabéns pola iniciativa á Dirección e profesores do centro e sobre todo aos alumnos tamén, polo ben que o fixeron nesta primeira xornada”. Gómez convidou aos alumnos a que se faga algunha emisión dende o edificio do Concello, proposta que foi moi ben acollida polos entrevistadores e o profesorado. Todas as emisións gravadas de Radio Ladeira poderán escoitarse na web do CEP de Sabarís, premendo no enlace “Alumnado>Radio Escolar” no menú da esquerda da páxina. Os obxectivos desta iniciativa son mellorar a lectura e a expresión oral, o respecto pola quenda de palabra, mellorar a elaboración do discurso oral, transmitir as ideas dun xeito ordenado e capacidade de síntese.