IV Certame de Coplas de Entroido en Gondomar

Este sábado, día 15 de febreiro, celebrarase o IV Certame de Coplas do Entroido organizado pola Asociación Cultural Centáurea, coa colaboración do Concello de Gondomar e a Deputación de Pontevedra. Participarán as comparsas “Esensias Parrandeiras” de Peitieiros e “Zoilóxico” de Mañufe, actuando como convidadas “Os Tarteiras” do Casco Vello de Vigo e “Animodo” de Domaio.

A troula iniciarase ás 17:30 horas cun pasarrúas das agrupacións participantes, que sairán Dende a Praza de Abastos, seguindo polo Parque da Coelleira até a Praza da Paradela, onde a partir das 18:00 horas interpretarán cadansúas coplas, con tema libre e letras en galego. O acto será presentado e amenizado polos regueifeiros Kike, o fedello de Xixín, e Mani, o trasno da Fraga.

O xurado valorará o enxeño, o humor e o sentido crítico das letras, consubstanciais co espírito do Entroido; a posta en escena e a composición e acompañamento musical das coplas. O grupo gañador recibirá, ademais dun agasallo e o diploma acreditativo, as risas e o recoñecemento de todas as persoas presentes nesta celebración.

Anuncios