Teatro do Ar estrea “Días Tristes” na sala Nautilius de San Andrés de Comesaña

Teatro do Ar presenta este sábado ás 19:30 horas na sala Nautilius de San Andrés de Comesaña a súa obra “Días Tristes”. Un espectáculo de teatro entre a comedia e o drama nun mundo distópico no que desapareceu a risa. Os protagonistas son dous pallasos, Trombón e Trompeta, que agora fan o que fan todos os pallasos, oficiar enterros.

A representación do grupo de Nigrán forma parte do ciclo “Teatro pola Gorra” organizado por Lohengrín Teatro. Os asistentes terán entrada gratuíta, pero ao final da obra haberá unha gorra para que todos poidan facer a achega económica que consideren oportuna.

Despois de “Días Tristes” o público poderá debater cos actores sobre a representación. Un deles é o seu autor, o director de Teatro do Ar, Pedro Rodríguez Villar. “Con esta obra queremos reflexionar sobre o materialismo e as consecuencia da perda de identidade”, explica o autor sobre a esencia de “Días Tristes”.

Ademais a obra de teatro estará acompañada de música en directo. A nova compositora e intérprete de Nigrán, Lucía Doval, acompañará co seu piano e a súa voz as ocorrencias dos dous pallasos protagonistas.

“Días Tristes” é a novena composición orixinal que presenta Teatro do Ar nos últimos dous anos. A compañía naceu en 2012 cando alumnos naquel momento do CPI Arquitecto Palacios de Panxón decidiron unirse para facer teatro máis aló da escola. Desde aquel día a compañía de mozos e mozas, ningún maior de 25, de Nigrán, comezou unha carreira no teatro afeccionado que xa os levou a actuar por toda Galicia.

Anuncios