O PP cualifica de “inaceptable” que non se elaborara o novo convenio con Protección Civil

O Partido Popular de Nigrán pon de manifesto as graves discrepancias entre os actuais rexedores do PSOE da Mancomunidade do Val Miñor. Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar, manifestou no Pleno Extraordinario, ante a ausencia de Juan González, alcalde de Nigrán, a súa oposición a aprobar o primeiro punto da orde do día, “Recoñecemento extraxudicial de crédito de 14.120€ para abonar o Operativo de Praias de Protección Civil na 2ª Quincena de Agosto”, que supoñía levantar un reparo suspensivo da Interventora. Expuxo a suspensión do Pleno, ou a súa abstención na votación xa que non estaba disposto a asumir as posibles responsabilidades contables, económicas e legais sen que o principal responsable do problema, Juan González, non estivese presente e por tanto non se lle aplicarían esas responsabilidades. En resumo, segundo os populares, que Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar, “non se ía a comer o marrón el e os seus concelleiros” sen que Juan González asumise a súa responsabilidade.

O Partido Popular considera que o colectivo de Protección Civil desenvolve unha actividade moi valiosa de colaboración coa sociedade, “e merecen o mellor dos tratos, e estes gobernos do PSOE non se están preocupando en absoluto deste punto”. Os populares indican que o informe da Interventora e da Secretaria deixan claro que o convenio subscrito pola Mancomunidade en 2011 xa non é válido segundo a lei actual, que resumen indicando que: “a Mancomunidade non podería seguir asumindo gastos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, mentres non se redacte un novo convenio adaptado á Lei 40/15, motivo polo cal é informada desfavorablemente estes gastos, con reparo suspensivo, por non proceder ou seu abono á Mancomunidade, xa que non ten convenio en vigor que os ampare”.

“Despois dun ano seguimos igual, desta forma, é legalmente improcedente pagar estes servizos a pesar de que realmente se prestaron. É o que pasa, Sr. González, por non dedicarlle tempo ao seu verdadeiro traballo, que é xestionar o Concello e cumprir os seus compromisos. Non hai escusa posible, a redacción dun convenio adaptado á lei (o anterior eran 6 folios), non é ningún problema para os técnicos da Mancomunidade, só necesítase que o goberno encargue a súa redacción, e, nin iso fixo o Sr. Alcalde de Nigrán, e iso que tivo un ano enteiro para solicitalo. Lamentablemente, os prexudicados polo deixamento de D. Juan González son unhas persoas que colaboran activamente en prol da seguridade dos veciños, algo que nos indigna e non ten xustificación posible”, conclúen desde o PP de Nigrán.