O Casino de Sabarís convoca o seu primeiro certame fotográfico

A CRDC Casino de Sabarís organiza en colaboración cos xestores da Cantina do Casino o seu primeiro certame fotográfico. Poderán concorrer todas as persoas que o desexen, sexan profesionais ou afeccionados, sempre que os seus traballos axústense ás bases. A temática será o Casino de Sabarís e a súa contorna, imaxes entendidas libremente polo seu autor e que teñan como referencia calquera aspecto do ser humano, a riqueza paisaxística do Val Miñor ou mesmo, imaxes tomadas dentro do propio Casino.

As imaxes deberán ser necesariamente orixinais, inéditas non sendo presentadas e/ou premiadas noutros concursos. Poderán ser en cor ou branco e negro, admitíndose a manipulación dixital das mesmas. As fotografías presentaranse impresas en papel fotográfico cun tamaño de 20×30 e sen ningún tipo de montaxe nin soporte, quedando automaticamente excluídas, as que veñan montadas. Cada participante poderá presentar soamente unha fotografía. O contido da mesma necesariamente estará relacionado co tema do concurso.

As fotografías deberán ser propiedade do autor que as presente ao certame, e no caso de fotografías premiadas, a organización poderá pedir o arquivo orixinal. Valorarase a adecuación e relación co tema xeral exposto, a orixinalidade e profundidade da proposta e o enfoque, a capacidade da composición para provocar sensacións e emocións, e a calidade técnica e estética da fotografía.

As fotografías poderán ser presentadas presencialmente no Casino de Sabarís ou por correo, indicando no sobre: Certame Fotográfico Casino 20-20. Casino de Sabarís. C/Julián Valverde, 33 36.393 – Sabarís (Baiona). A data límite de presentación será o día 15 de febreiro ás 23:00 horas. Para aquelas fotografías que se envíen por correo, considerarase como data de presentación a mostrada no cuño. Tamén se poderán enviar por correo electrónico, cumprimentando e asinando a plantilla correspondente.

Ao dorso de cada fotografía farase constar o título da obra elixido polo participante. En folla aparte, en sobre pechado identificado co título da obra, remitiranse os seguintes datos: título da obra, nome e apelidos do autor, DNI do participante e teléfono de contacto. As obras expoñeranse a partir do 20 de febreiro no Casino e na rede social Facebook.

O xurado estará formado por 2 membros da xunta directiva do Casino de Sabarís e 3 expertas en fotografía. Entregaranse 2 premios, uno o que falle este xurado e o outro, o que falle o público que vote na páxina de Facebook do Casino de Sabarís. O fallo do xurado será feito público o día 15 de marzo. O premio do xurado estará dotado de 220 euros, 1 ano de cota de socio e placa, mentres que o premio do público de Facebook será 1 ano de cota de socio e cesta. A entrega de premios realizarase o día 15 de marzo ao terminar o concerto (hora aproximada 19:30-20:00 horas).

Anuncios