A Área Sanitaria de Vigo conmemora o Día Mundial do Cancro de Mama

Un total de 25 pacientes con cáncer de mama participaron hoxe no Obradoiro de Relaxación organizado pola Unidade de Patoloxía de Mama no Hospital Meixoeiro. O obradoiro, baseado na respiración consciente e relaxación guiada, foi impartido pola profesora de ioga Silvia González. Esta foi unha das actividades organizadas pola área sanitaria de Vigo para conmemorar o Dia Mundial do Cáncer de Mama que se celebra hoxe.

A Unidade de Patoloxía de Mama, emprazada no hospital Meixoeiro, ofrece unha abordaxe integral das lesións mamarias, tanto benignas como malignas. Así, neste hospital centralízase,ademais das probas de diagnóstico por imaxe, todos os tratamentos cirúrxicos e radioterápicos de mama realizados no Chuvi.

Esta Unidade é un exemplo da interdisciplinaridade e da integración nun mesmo dispositivo asistencial de profesionais sanitarios de distintas categorías e especialidades. Conta cun Comité de Patoloxía de Mama, que se reúne semanalmente e que está integrado por radiólogos, cirurxiáns, xinecólogos, patólogos, oncólogos e enfermeiras, e en cada xuntanza semanal debaten cada caso de forma individual, tanto antes do tratamento (cirurxía ou radioterapia) como despois de realizado o primeiro deses tratamentos.

Novas instalacións

Nas próximas datas a Unidade cambiará de emprazamento a unhas novas instalacións na planta -1 do Meixoeiro. De feito, as obras está practicamente rematadas, polo que a previsión é que antes de finalizar o ano ou a principios do seguinte, pacientes e profesionais poidan estrear os novos espazos.

O obxecto da obra que o Sergas está a desenvolver é ampliar, mellorar e integrar nun único servizo todos os recursos diagnósticos da mama da área de Vigo, tanto os de cribado poboacional como os de diagnóstico hospitalario.

Así, vaise duplicar á superficie da actual, pasando de 400 metros cadrados aos 860 da nova localización. Ademais, integrarase na mesma zoa o Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama que vense levando a cabo na Casa do Mar de Vigo.

A nova Unidade de Mama contará cun acceso directo dende a entrada do edificio de consultas e e distribuirase en tres áreas diferenciadas conforme a súa actividade asistencial. Na primeira das zoas, habilitarase unha ampla sala de espera e consultas para tres cirurxiáns e dúas enfermeiras. A seguinte será a área de exploración de pacientes, na que localízase o equipamento tecnolóxico -tres ecógrafos, un mamógrafo e unha mesa de estereotaxia-.

Ademais, contará cunha área administrativa, con cinco salas de informes, dous despachos, sala de estar, e unha sala de xuntas. As instalacións do Programa de Detección Precoz terán unha distribución e dotacións que permiten o seu funcionamento de forma independente do resto da Unidade, pero coa vantaxe de encontrarse integrado dentro da mesma. As súas instalacións disporán dunha ampla sala de espera, con aseo público para as usuarias, dúas salas de informes, cabinas, dous mamógrafos e un despacho.

350 novos casos anuais

Os profesionais diagnostican 350 casos novos de cancro de mama ao ano. O pasado ano na Unidade realizáronse 591 operacións, 7.585 consultas médicas, 9.251 estudos radiolóxicos, 7615 ecografías e 1.884 técnicas intervencionistas de mama como biopsias , puncións, marcadores, etcétera. Hai que subliñar que desde o pasado ano, a Unidade tamén organiza as axendas de Resonancia Magnética de Mama, realiza a revisión de todas as solicitudes e participa na información das mesmas -702 resonancias contabilizadas-.

Dispón dunha “vía rápida” para casos de sospeita de carcinoma de mama; isto é, un circuíto asistencial que garante que calquera paciente con sospeita dunha lesión mamaria sexa atendido nesta unidade en menos dunha semana.

No momento actual, o Meixoeiro conta cos equipamentos tecnolóxicos máis avanzados para o diagnóstico desta enfermidade que permiten gran precisión, o que facilita o diagnóstico de cancros moi pequenos e sutís, e sobre todo en estadios máis temperáns.

Consulta Asesoramento de Risco Familiar

Segundo afirman os especialistas a prevención e o diagnóstico precoz son fundamentais na loita contra esta enfermidade. Neste senso, ademais dos programas preventivos de cribado poboacional -nos que se realizan mamografías a todas as mulleres entre 50 e 69 anos – tamén é importante a estratificación das pacientes por nivel de risco.

Así, a Unidade de mama conta tamén cunha Consulta de Asesoramento de Risco en Cáncer de Mama, que leva atendidas a 3.800 pacientes. Nesta consulta especifica aténdese ás pacientes que por franxa de idade non son subsidiarias dun cribado poboacional, pero que, por antecedentes persoais ou familiares, precisan dun seguimento diferente.

Anuncios