Gondomar terá a súa primeira vivenda social en setembro

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Antiga casa dos mestres de Donas.

Gondomar estreará a súa primeira vivenda social tras o verán, cara ao mes de setembro. Estará situada no barrio de Nogueira, en Donas, e a última semana de xaneiro a edil de Urbanismo, Iria Lamas, acompañou ao arquitecto municipal ao inmoble que serviu durante anos como a casa dos mestres para ter a primeira toma de contacto previa á redacción do proxecto de rehabilitación da construción, emprazada xusto detrás da biblioteca coñecida como “Espazo Lectura”. Trátase dunha casa unifamiliar dunha soa planta cadrada, construída en pedra, rolda os 100 metros cadrados e comparte solar coa antiga escola.

Para financiar as obras desde o Concello optarán a unha liña subvencións da Xunta orientada á restauración de inmobles e polas que optarán a unha subvención dun 80% sobre o importe total sen exceder os 40.000 euros. “Imos habilitar esta casa como vivenda social co fin de abarcar máis e darlle un empuxe ás políticas sociais”, explicou o alcalde Paco Ferreira. A pesar de que polo momento non teñen as condicións polas que se sacará o concurso para optar ao seu aluguer, Ferreira adiantou que estará dirixida a familias desfavorecidas.

Unha vez que a remodelación da antiga casa dos mestres de Donas estea rematada reforzará as políticas sociais que se están levando a cabo desde o consistorio gondomareño. Polo momento contan cunha liña de axudas ao fogar que nalgúns casos chega a financiar o 100% das rendas, previo informe da asistente social, ao mesmo tempo que as combinan coas axudas da Xunta.

Ferreira explicou que nestes momentos o de Donas é o único sobre o que teñen plans de futuro, aínda que contan con inmobles de titularidade municipal en todas as parroquias da condal, co que non descartan máis medidas do mesmo tipo nun futuro. “A maioría das construcións corresponden a antigos colexios de preescolar, algunhas as imos a ceder como a que se atopa en Prado, que lla entregaremos á Entidade Menor de Morgadáns, pero hai outras que polo momento están baleiras”, aclarou Ferreira.

Outro dos inmobles que está a agardar para buscarlle un novo uso é o correspondente á antiga casa do concello do barrio da Pedra en Morgadáns, que recentemente foi noticia tras sufrir un derrube parcial da súa cuberta e fachada derivado dos fortes refachos de vento e choiva vividas co paso da borrasca Gloria.

Anuncios