O PP de Baiona reprocha ao tripartito a “escasa información” na web municipal

O PP de Baiona cualifica de “bochornoso” o estado da páxina web do Concello por estar “baleira de contido” e, o pouco que ten “completamente anticuado”. Consideran que “sete meses no goberno son máis que suficientes” para actualizala e para cumprir co compromiso de “transparencia” incluído no pacto e prometido “ata a saciedade” aos veciños. Con todo, “e como era de esperar incumprírono”, algo que os populares cualifican de “vendedor de fume” e, mesmo, de “pasotismo”. “O Sr. Alcalde non se preocupou nin de escribir un saúdo aos seus veciños agradecéndolle a confianza”, exemplifican.

Desde o PP baionés lembran ao trigoberno formado por PSdeG, BNG e NÓS que a web municipal é a “xanela dixital do Concello” a través da cal prometeron “en campaña electoral” e “no pacto de goberno” ser transparentes facendo públicos datos como os salarios dos concelleiros, o currículo, os cargos de confianza do equipo de goberno ou as retribucións dos membros da corporación, con todo, “todos están baleiros de información” e “o único que se deron présa en actualizar é a composición do pleno da corporación co nome do Alcalde”. “Un Alcalde que nin saúda aos seus veciños e que ten inoperativo o servizo dixital de atención ao cidadán”, apostilan.

Por todo isto, o grupo municipal popular pide ao trigoberno que “dea uso” ao apartado relativo á “transparencia” da páxina web debido a que “neste momento non cumpre ningunha función”. Lembran ao rexedor e informan os veciños de que “o da web é un pequeno reflexo do que ocorre realmente no seo do Concello co actual goberno a tres: ocultismo, falta de transparencia, inacción e desmantelamento de todos os servizos”.

Por tanto, desde o Partido Popular de Baiona piden ao tripartito “que cumpran coas súas promesas” e reactiven a web. Ademais, de que leven a cabo un mantemento “máis áxil” da páxina “para que todos os veciños e usuarios poidan coñecer aspectos tan básicos como canto cobran os seus concelleiros ou se o Alcalde agradece realmente o apoio dos seus votantes”.