O Centro Cultural de Baíña organiza unha excursión ao Barbanza

O Centro Cultural e Social de Baíña organiza o domingo 9 de febreiro unha excursión á península do Barbanza, por Noia, Miradoiro da Curota, Corrubedo e Ribeira. O prezo é de 37 euros e inclúe autobús durante todo o percorrido, guía acompañante, comida en restaurante concertado e seguro de viaxe. As reservas pódense formalizar no Centro Cultural ou a través do teléfono 653 68 49 69.

Para empezar o día farán unha parada en Ponte Maceira, bonito recuncho do Camiño de Santiago no que destaca a súa ponte medieval sobre o río Tambre. A continuación visitarán Noia, coñecida como “a Pequena Compostela”, pasearán polo seu casco antigo e terán tempo libre para gozar o seu famoso mercadiño dos domingos. A comida incluirá empanada de millo, pescada, tenreira, sobremesa, café e bebidas.

Pola tarde visitarán a Península do Barbanza para subir á Curota e apreciar as incribles vistas da Ría de Arousa desde o miradoiro de “Valle Inclán”. Desprazaranse despois ao Centro de Interpretación do Parque Natural das Dunas de Corrubedo para coñecer o seu ecosistema. Para acabar o día, Ribeira, un dos portos de baixura máis importantes de Galicia.