A baionesa Gabriela Bouzada revalida o título de campioa provincial de campo a través

A baionesa Gabriela Bouzada Senra revalidou este sábado o título de campioa provincial de campo a través, que conseguira en Chenlo, en Porriño, o pasado ano. A integrante da Sociedade Atlética Val Miñor o volveu lograr hoxe no Parque de Castrelos de Vigo, alcanzando a vitoria na proba de 1.000 metros da categoría benxamín, con 191 corredoras e cun final de infarto, remontando ata a liña de meta. Ademais, o equipo benxamín feminino do club miñorán, formado por Gabriela, Belén Silva Díaz, Lucía Lages Álvarez e Iria Domínguez Álvarez, alzouse coa medalla de prata.

O Campionato Provincial de Campo a Través Xogade (Xogos Galegos en Idade Escolar) alcanzou o récord de participación desta modalidade do Xogade con 1.300 nenos e nenas. Os cativos participantes na proba pertencen a 117 colexios e clubs da provincia repartidos nas categorías de benxamín (191 nenas e 227 nenos), alevín (210 nenas e 187 nenos), infantil (170 nenas e 138 nenos) e cadete (87 nenas e 78 nenos) e que percorreron distancias dun, un e medio, dous e dous e medio quilómetros respectivamente.

Nesta edición, rexistrouse unha gran participación feminina que fai que no cómputo global dos participantes haxa máis nenas -658 que representa o 51%- que nenos -630, o 49%- , que se espera poida tamén extrapolarse aos datos de licenzas femininas galegas, que na actualidade achéganse ao 25%.