Pais da escola infantil A Galiña Azul de Gondomar piden máis persoal

As familias dos nenos e nenas da escola infantil A Galiña Azul de Gondomar solicitaron mediante escrito poder manter unha reunión cun ou unha representante do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a poder ser no centro, para que así vexan in situ os problemas que consideran están a prexudicar aos seus fillos e fillas.

Aseguran que as dúas persoas contratadas como persoal de servizos xerais teñen unhas limitacións de saúde, debidamente acreditadas, que lles impiden levar a cabo algunhas tarefas físicas (como pode ser montar e desmontar o comedor ou limpar determinados xoguetes e mobiliario da escola). “Estas tarefas quedan en mans da boa vontade das mestras e educadoras, que as realizan sen que sexan estas as súas funcións, dedicándolle tempo e esforzo”, destacan.

Segundo indican, esta nova “organización” do tempo fai que “tanto mestras como educadoras non poidan dedicarse a planificar e levar a cabo actividades de estimulación sensorial, motora e cognitiva dos nosos fillos e fillas, a cal é a súa verdadeira e lexítima función, e que se viña levando a cabo de maneira satisfactoria en cursos anteriores (moitos papás e mamás xa tivemos pequenos na escola con anterioridade e podemos asegurar que sempre o foi ata o de agora)”.

Cren por tanto que “os prexudicados son os nosos fillos e fillas que, aínda que están atendidos nas súas necesidades básicas (alimentos, soño, hixiene), consideramos que non o están noutras necesidades igualmente importantes no momento evolutivo no que se atopan”. Deixando claro o seu “total apoio a todo o persoal docente e non docente do centro”, piden que o Consorcio dedique os recursos persoais necesarios á Escola Infantil de maneira inmediata.

Anuncios