A Área Sanitaria de Vigo dota de estabilidade laboral a un centenar de profesionais

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Centro de Saúde do Val Miñor.

A Área Sanitaria de Vigo vai dotar de estabilidade laboral a 108 profesionais -106 sanitarios e 2 non sanitarios-, que nas próximas semanas comezarán a traballar en vínculos de longa duración, como interinos. Isto é, vanse cubrir esas prazas do cadro de persoal mediante nomeamento de interinidade en praza vacante ou nomeamento de interinidade por substitución de titular con dereito a reserva de praza. Os chamamentos comezarán a próxima semana.

As prazas ofertadas de persoal sanitario son: 62 de Enfermaría; 36 de TCAE (Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría); 1 de Enfermaría Especialista en Saúde mental; 1 de Técnico en Farmacia; 2 de Técnico superior en imaxe para o diagnóstico clínico (unha con licenza de medicina nuclear); e 4 prazas de Técnico superior en Laboratorio.

Tamén se ofertarán dúas prazas de persoal non sanitario no Complexo Hospitalario de Vigo:1 praza vacante na categoría de Celador e outra vacante na categoría de Grupo auxiliar da función administrativa.

O persoal das listas de acceso libre e de promoción interna poderán consultar na Intranet da Área Sanitaria de Vigo os postos das unidades das categorías de Enfermaría e Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría antes de ser chamado polo seu número de orde dende o servizo de persoal (chamamentos).

Eses postos están emprazados en centros de saúde e nos hospitais, en unidades como como Urxencias, UCI, Reanimación, Quirófano, Gabinetes, Hado, Radioloxía intervencionista, Hemodinámica, Hospital de día oncolóxico e diversas unidades de hospitalización.

10 interinidades de médicos de familia

Estas novos nomeamentos ven a sumarse a outros 10 vínculos de longa duración de médicos de familia que acaban de formalizarse: 3 en PAC (2 en A Guarda e 1 en Cangas) e 7 nos centros de saúde de Beiramar, Val Miñor, Ponteareas e A Guarda.

Con esta medida, a Área de Vigo sigue avanzado no desenvolvemento dun obxectivo prioritario do seu Plan Estratéxico “O Coidado, Desenvolvemento e Recoñecemento aos profesionais”. Nesta liña, coas novas interinidades redúcese de a taxa de eventualidade da organización en aras dotar de maior estabilidade no emprego aos profesionais, favorecendo a conciliación laboral e familiar e mellorando tamén a continuidade asistencial.

Anuncios