Baiona abre o prazo para participar no Certame de Comparsas do Entroido

A Concellería de Cultura de Baiona abre o prazo de inscrición para participar no Certame de Comparsas de Entroido 2020, que se celebrará o domingo 16 de febreiro. As inscricións deberán formalizarse na Oficina de Rexistro do Concello de Baiona en horario de 9:00 a 14:00 horas ou na súa Sede Electrónica, ata o 13 de febreiro.

Para participar no concurso de comparsas é preciso achegar a solicitude de inscrición, copia do CIF da Asociación ou DNI dun representante da comparsa no caso de grupos informais, certificado de conta bancaria da Asociación ou dun representante da comparsa no caso de grupos informais e declaración responsable de atoparse ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias estatal, autonómica, seguridade social, Oral e co Concello de Baiona.

A Concellería de Cultura destinará 6.500 euros para os premios aos/ás participantes nos actos programados con motivo do Entroido. Serán 900 euros para a comparsa gañadora, 650 para a segunda, 500 para a terceira, 400 para a cuarta e 300 para a quinta. Entre as demais comparsas participantes repartiranse o resto dos premios (3.750 euros), que se distribuirán de acordo co nº de compoñentes: de 81 a 100 (300 euros), de 61 a 80 (250 euros), de 41 a 60 compoñentes (200 euros), de 21 a 40 compoñentes (150 euros) e de 12 a 20 compoñentes (100 euros).

Establécese un límite máximo de participación de 20 comparsas que serán admitidas por rigoroso orde de Rexistro de Entrada. Deberán estar compostas por un mínimo de 12 persoas e participar no desfile organizado o domingo 16 de febreiro e no Enterro da Sardiña que terá lugar o mesmo día, a continuación do desfile, cun mínimo de 10 compoñentes por comparsa. (As comparsas que incumpran este requisito, serán penalizadas cun desconto do 20% sobre a cantidade que lle corresponda).

As comparsas concentraranse o domingo 16 de febreiro na Avenida Urbana de Sabarís, á hora indicada pola organización, comezando ás 17:00 horas o desfile polas rúas da vila, para rematar no Paseo Ribeira, onde o xurado deliberará e acto seguido, entregaranse os premios. En caso de choiva, o concurso trasladarase ao sábado 7 de marzo.

O Xurado estará integrado por persoas do mundo da cultura, o deporte, a música, ás letras, etc., designadas polo Concello de Baiona. Valorará o vestiario, máscaras, maquillaxes, ect. axeitados á temática que representen; a orixinalidade, inxenio, caracterización, instrumentacións, ect.; a actitude no desfile acorde con motivo na exhibición; a calidade e creatividade na exhibición; e o número de compoñentes da comparsa.

Anuncios