O campión de España de J80 Javier Aguado coloca ao Alboroto na cabeza da Liga de Inverno J80

O Alboroto converteuse esta tarde en Baiona no primeiro líder da Liga de Inverno J80 tras impoñerse ao resto de veleiros na xornada inaugural da competición que organiza o Monte Real Club de Yates. O veleiro armado por Juan Carlos Ameneiro e patroneado polo campión de España Javier Aguado logrou elevarse ao máis alto da clasificación tras asinar un segundo e un primeiro posto nas dúas probas celebradas na baía.

A competición non puido empezar puntual por mor dun vento frouxo que non axudou na preparación do campo de regatas, pero unha vez asentado en intensidade e dirección, e colocadas as boias para os percorridos barlovento sotavento, a frota puido navegar cuns cinco nós de media. Completáronse dúas mangas de dobre volta entre boias, o que supuxo catro tramos con dúas cinguidas e dúas popas, en dous percorridos que o comité de regatas viuse obrigado a acurtar para que a frota puidese completar as probas en tempo.

A primeira proba foi para o Alboroto patroneado por Javier Aguado e o Okofen de Javier de la Gándara quedou segundo. E na segunda proba investíronse os resultados. Alboroto e Okofen foron, sen dúbida, os protagonistas dunha xornada que finalizaron empatados a 3 puntos en primeira e segunda posición respectivamente.

A tripulación do Pazo de Cea, patroneada por María Campos, completa o podio provisional con 10 puntos, seguida moi de preto polo Cansino de Fernando Yáñez, con 11 puntos, e o Maija de José Luis Pérez con 13.

Na xornada inaugural da liguiña de monotipos do Monte Real empezaron a aplicarse xa os xuízos directos na auga, que é unha das novidades desta edición. Por sorte, todas as regatas disputáronse sen incidencias de relevancia.

A Liga de Inverno J80 volverá a Baiona o 8 de febreiro coa segunda xornada do total de cinco etapas programadas, que se prolongarán ata o próximo mes de abril.

Anuncios