O PP de Nigrán pide ao alcalde que solicite a axuda da Xunta para a reforma de Otero Pedrayo

O Partido Popular de Nigrán afirma nun comunicado que ofreceu ata en dúas ocasións a súa colaboración para conseguir que a Xunta achegase unha parte da reforma da rúa Otero Pedrayo, a primeira uns días antes da súa reunión coa conselleira, o 2 de outubro pasado, e novamente o pasado luns 20 de xaneiro durante a comisión informativa.

“Como cita a propia consellería de Infraestruturas, na súa recente nota de prensa, na reunión mantida co Alcalde o 2 de outubro do 2019, Juan González comunicoulles que solicitaría a transferencia do trazado, pero en ningún momento solicitou a axuda da Xunta para a reforma, polo que non é certo que a Xunta se negue a colaborar na parte que lle toca, senón máis ben que non llo pediron”, recalcan os populares.

Á Xunta correspóndelle o mantemento do firme e as beirarrúas dos viarios que xestiona, pero os servizos (saneamento, abastecemento, iluminación pública) que se presten a través do viario son competencia do concello correspondente. “Neste caso a reforma do firme e as beirarrúas supoñen aproximadamente 400.000€, que sería a parte da que tería que facerse cargo a Xunta e que nunca se manifestou en sentido contrario”.

O PP lembra que unha actuación similar realizouse na lexislatura de Alberto Valverde, coa Rúa Rans. “Nesa ocasión a Xunta e a Deputación de Pontevedra axudaron no financiamento da obra, de forma que o custo real para o concello foi máis que razoable”.

“Desde o Partido Popular entendemos e apoiamos a urxencia de acometer a reforma desta rúa que leva moitos anos en estado lamentable, pero ao mesmo tempo esiximos que o Sr. Alcalde xestione todas as axudas posibles doutros organismos para evitar o desmesurado custo para as arcas públicas do concello, unha cifra que supón nada menos que un 10% do orzamento anual, algo demasiado custoso para asumilo sen axuda”.

Sinalan que o que debería facer o Alcalde é rectificar, solicitar a axuda da Xunta e da Deputación de Pontevedra para levar adiante esta obra, “que en calquera caso contará co total apoio do Partido Popular de Nigrán, tal e como nos comprometemos coas asociacións e cidadáns que nolo demandaron”.

“Para poder acometer semellante gasto, o concello terá que botar man do excedente de tesourería, ata onde lle permita a lei, aínda que é certo que esta obra encaixaría no uso destes fondos, cremos sinceramente que preservalos para actuacións moi necesarias a medio/longo prazo sería o máis adecuado, un bo xestor ha de velar permanentemente polo benestar presente e futuro dos seus cidadáns”, conclúen desde o PP.

Anuncios