Xa se abriu o prazo de inscrición para o I Campus de Fútbol Americano de Baiona. O encontro será gratuíto e desenvolverase no Campo de Fútbol do Aral, o vindeiro sábado 1 de febreiro, de 16:00 a 19:00 horas. Durante as tres horas de xornada disputaranse varios adestramentos nas modalidades flag (sen contacto) e tackle (con contacto).
O I Campus de Fútbol Americano de Baiona supón unha oportunidade única para coñecer e practicar o deporte norteamericano por excelencia, de maneira totalmente gratuíta. As inscricións permanecerán abertas ata o vindeiro xoves 30 de xaneiro e poderanse realizar no pavillón municipal, a través do teléfono 986 356 558 ou do correo deportes@baiona.org.
As prazas son limitadas para a versión con contacto, polo que se recomenda realizar a inscrición con suficiente antelación. A sesión de flag ten unha idade mínima de inscrición de 12 anos, será mixta e requirirá de roupa adecuada para a actividade. No caso da modalidade tackle, a sesión será unicamente masculina e a idade mínima de inscrición é de 16 anos. Para participar será necesaria roupa deportiva e protector bucal.

