Nigrán abre o prazo para presentar ofertas de aluguer de parcelas para empregar como aparcamento

O Concello de Nigrán abre ata o 10 de febreiro o prazo para presentar ofertas ao concurso público para adxudicar un contrato privado de arrendamento dunha parcela céntrica destinada ao estacionamento público e gratuíto de vehículos, cuestión considerada prioritaria para este goberno. Os pregos e a convocatoria están publicados na sede electrónica do Concello (http://sede.nigran.org) e os interesados poden presentar xa as súas ofertas a través do Rexistro.

Os criterios de adxudicación ponderan especialmente a baixa respecto ao prezo base de licitación (55 puntos máximo), a situación céntrica (30 puntos máximo) e a entrada e saída independentes (15 puntos máximo). O prego inclúe que o Concello poderá levar a cabo as obras precisas para adaptar a configuración actual da parcela á finalidade prevista e ao remate o Concello a devolverá libre de calquera edificación ou instalación sobre ela.

O obxectivo do consistorio é alugar de xeito transparente unha nova finca que sirva de alternativa ao aparcamento público da rúa Vilameán (este fora cedido de xeito gratuíto no 2013 e está inoperativo dende decembro por iniciar a propiedade obras de urbanización). As características mínimas desta parcela, segundo establece o prego, son situarse nun radio de 250 metros medidos dende o acceso ata a casa consistorial; acceso por vial público asfaltado e con iluminación pública e fronte mínima de 5 metros; topografía eminentemente chaira; solo rústico ou apto para desenvolver; superficie mínima de 2.000 m2 non sendo abonados nin empregados os metros cadrados que superen os 3.000; e, finalmente, establécese un prezo máximo de 2,58 €/metro cadrado ao ano cun máximo anual de 7.440 € (sen IVE) e cunha duración máxima de 4 anos.

“É fundamental contar con este espazo porque somos conscientes do beneficio que supón para os veciños que non viven no núcleo urbano e para o comercio e empresas da zona”, sinala o alcalde, Juan González, quen engade que o aluguer dunha finca por parte dun organismo público conleva unha tramitación transparente que dé igualdade de oportunidades a tódolos propietarios interesados en concorrer. “É un procedemento que conleva uns prazos e que outorga seguridade xurídica e transparencia”, sinala.

Anuncios