Baiona prevé aprobar o seu novo convenio colectivo no mes de marzo

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Carlos de la Peña.

Baiona avanza nas negociacións para adaptar o seu convenio colectivo ás necesidades actuais e o primeiro borrador estará rematado a finais deste mes. Así o anunciou o edil de Persoal, Carlos de la Peña, que tamén explicou que están a levar a cabo reunións semanais para dar forma a un documento que leva sen poñerse ao día desde 1995. Así mesmo o concelleiro avanzou que se todo continúa como está previsto estará aprobado definitivamente en marzo do presente ano.

A pesar de que aínda é pronto para profundar no marco regulador sobre materia laboral, adiantou que se compoñerá de 30 artigos e que se está confeccionando seguindo “estritas pautas baseadas no consenso”. Para iso foi necesario recoller as demandas sociais realizadas polo persoal da Administración local cuxas relacións estiveron marcadas nos últimos catro anos por unha polémica na que se viron envoltos sindicatos, o anterior equipo de goberno e traballadores, acentuada pola inexistencia da Relación de Postos de Traballo, RPT. Con todo, de la Peña engadiu que o obxectivo último no papel é o de buscar o trato igualitario para todos e manteñen que este feito será unha realidade unha vez entre en vigor o documento, aínda que para que isto suceda aínda teñen que pasar por varias fases.

Unha vez que conten co primeiro borrador convocarán unha mesa de negociación e con todos os informes técnicos sobre a mesa levarán o asunto a pleno. Mentres tanto continuarán mantendo reunións semanais. Polo momento o goberno local continúa regulando o contexto laboral no que acaban de incluír, segundo explicou de la Peña, un control sobre as horas extras, en funcionamento desde o 1 de novembro. Neste sentido o responsable de área precisou que na actualidade é necesaria a xustificación do motivo, a duración prevista e onde os traballadores deben de ser avisados con antelación. “O que estamos a buscar é a normalización das horas, así como as categorías profesionais, ou a eliminación dunha serie de actuacións que co tempo acabaron converténdose en prácticas habituais”, explicou.

Por outra banda, de la Peña aclarou que nestes momentos existe un descoñecemento bastante xeneralizado sobre factores como as posibilidades de ascenso ou a carreira profesional dentro do ámbito laboral. Uns puntos que tamén se tocarán en profundidade coa actualización do convenio.

Relación de Postos de Traballo

Unha vez que o novo marco regulador estea implantado permitirá dar luz verde á Relación de Postos de Traballo, RPT, inexistente polo momento na Administración local. Precisamente a falta da RPT saldouse no anterior mandato co alcalde popular Ángel Rodal no banco, tras autorizar unha serie de modificacións no cadro de persoal que acabaron sendo anuladas polo xuíz. Polo momento a empresa que traballa na redacción do convenio está a encargarse de definilo e establécese que e cales son os postos de traballo existentes, a cantidade de persoal necesario, as súas funcións e retribución. Unha vez aprobada permitiralles convocar polo menos cinco novas prazas entre Policía Local e administrativos.

Anuncios